Aprobada a PNL para reactivar construción naval civil nos estaleiros

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe en comisión, por unanimidade, unha proposición non de lei (PNL) do BNG sobre o cumprimento por parte da Xunta do acordo referido á volta á construción naval civil nos estaleiros públicos de Ferrol, así como ao fomento do sector naval en Galicia.

Na iniciativa, defendida pola deputada nacionalista Carme Adán, ínstase o Goberno galego a dar cumprimento da proposición non de lei aprobada por unanimidade en febreiro do ano pasado.

En concreto, a PNL solicita que se proceda a presentar na Cámara galega, no prazo máis breve posible, o proxecto de Centro de Reparacións Navais na ría de Ferrol, "comprometido polo presidente da Xunta no coñecido como 'contrato con Ferrol".

Así mesmo, ínstase a dar cumprimento á Lei 4/2010, de 23 de xuño, de fomento do sector naval de Galicia, principalmente do seu artigo 4, para o que deberá presentar no Parlamento unha proposta concreta.

Ademais, na iniciativa nacionalista ínstase o Executivo autonómico a demandar do Goberno central o inicio de negociacións na UE para conseguir o levantamento do veto á construción naval civil nos estaleiros públicos da ría.

Tamén se requirirá ao Executivo central a construír un dique flotante e á presentación do plan industrial.

Outra das demandas é que se xere unha actividade comercial que incida na promoción das capacidades e competitividade de Navantia e, en concreto, dos estaleiros da ría, tratando de captar contratos que xeren carga de traballo.

Tamén se solicita que se manteña unha interlocución activa coa representación dos traballadores dos estaleiros co fin de que poidan participar na toma de decisións que se adopten nos estaleiros, e garantir o mantemento dos estaleiros no sector público.

Comentarios