Aprobado por unanimidade o Plan de Atención ao Peregrino para o Xacobeo

O obxectivo é proporcionar ás persoas que se acheguen a Galicia polas diferentes rutas xacobeas unha atención continua 'in situ' en situacións de urxencia 
Alfonso Rueda presidiu o encontro. XUNTA
photo_camera Alfonso Rueda presidiu o encontro. XUNTA

A Comisión Galega de Protección Civil aprobou este luns o Plan de Atención ao Peregrino para o Xacobeo 2021, no transcurso dun encontro presidido polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda.

O obxectivo deste Plan, que se aproba cada ano santo, é proporcionar aos peregrinos que se acheguen a Galicia polas diferentes rutas xacobeas, unha atención continua 'in situ' que poidan necesitar naquelas situacións de urxencia nas que precisen axuda.

Un dos aspectos fundamentais deste plan é a realización de patrullas do persoal de protección civil polos distintos camiños, de forma que a atención dos peregrinos nos camiños estea garantida.

Outra das accións fundamentais é prever os operativos de protección civil necesarios para facer fronte a actos onde exista unha previsión de grandes concentracións de persoas, de forma que se dea cobertura aos asistentes e participantes nos diferentes actos e eventos que se realicen na comunidade autónoma con motivo do ano santo 2021.

O Plan de Atención ao Peregrino céntrase nas distintas rutas xacobeas que discorren polo territorio de Galicia e, polas súas especiais características, na cidade de Santiago de Compostela, "e poderase estender ás grandes aglomeracións de persoas en diferentes actos ou eventos, de distinta tipoloxía, relacionados co Xacobeo en toda Galicia", indica a Xunta nun comunicado.

A implantación do Plan 2021 territorialmente afecta a 138 concellos, repartidos polas catro provincias galegas por onde discorren as dez rutas xacobeas, e estará activado desde o día 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021.

O Goberno galego informa de que outra novidade é a constitución do grupo de traballo do Plan 2021, integrado por representantes da Axega, de Protección Civil, da SA de Xestión do Plan Xacobeo, do Concello de Santiago e do Arcebispado, forzas e corpos de seguridade, e agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

Os integrantes do grupo reuniranse polo menos unha vez ao mes para intercambiar información e programar as actividades que garantan os obxectivos, de forma que se asegure o seguimento das actuacións e a coordinación entre todos os servizos que prestan apoio aos peregrinos no ámbito das súas competencias. Outro dos puntos novos deste Plan 2021 é a integración do informe de incidencias vía web na operativa diaria dos grupos de protección civil de atención ao peregrino, de forma que se terá información actualizada con periodicidade diaria.

Por outra banda, na reunión celebrada este luns a Comisión Galega de Protección Civil revisou o Plan de Urxencia Exterior do Polígono da Grela Bens, foi actualizado o Plan de Urxencia Exterior de CEPSA Maside e o Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións, e deuse conta do informe sobre o proxecto de Breogan Park, na parcela do centro comercial Dolce Vita e a afección co Polígono da Grela Bens.

Na Comisión levou a cabo tamén un resumo xeral de toda a planificación homologada desde a anterior Comisión, como son o Plan de actuación municipal fronte ao risco de inundacións, contra incendios forestais e contra o risco de transporte de mercancías perigosas e de rotura de presas en varios concellos galegos. 

Comentarios