Arquivan a causa contra dous dos nove acusados de captar menores para prostituílas en Galicia

O xulgado da localidade onubense na que engatusaban ás mozas para despois explotalas nun club de alterne de Ourense non ve indicios da implicación deses dous detidos

O xulgado de instrución número 3 de La Palma del Condado (Huelva) acordou o arquivo da causa contra B.H.P. e J.L.L.L., dous dos nove detidos o pasado agosto no marco da operación Simpático e acusados de captación de menores en Huelva para a súa explotación sexual nun club de Ourense. No auto xudicial, o xuíz precisa que "non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito de corrupción de menores e de trata de seres humanos con fins de explotación sexual" por parte dos investigados.

Así mesmo, sinala que "non existen indicios de comisión" por parte dos mesmos de ningún tipo de acto que poida entenderse como "indución, promoción ou de favorecer a prostitución" dalgunha menor. Xa que logo, acorda o sobresemento provisional das actuacións, manténdose as medidas cautelares que se acordaron polo delito Contra a Saúde Pública polo que tamén se lles investiga.

A operación Simpático desenvolveuse por parte da Garda Civil e coa mesma desmantelouse unha rede de captación de menores en Huelva para a súa explotación sexual nun club de alterne de Galicia tras retelas en Madrid. Foron detidas nove persoas.

Cinco dos detidos, entre eles B.H.P. e J.L.L.L. ingresaron en prisión por orde xudicial ante a gravidade dos feitos. A operación foi dirixida polo xulgado de instrución número 3 da localidade onubense e levada a cabo nas provincias de Huelva, Madrid e Ourense, na que foron realizados tres rexistros, dous en domicilios e un no club de alterne onde eran explotadas as menores.

Comentarios