Arriva espera ter en 2019 un tren que deixe Pontevedra a 80 minutos da Coruña e Porto

A empresa cre que Competencia autorizará a liña este ano

Rodríguez Bugarín, Vázquez Mao, García de Miguel y Gómez Piña, en Vigo. CEDIDA
photo_camera Rodríguez Bugarín, Vázquez Mao, García de Miguel e Gómez Piña, en Vigo. CEDIDA

A compañía de transporte Arriva prevé recibir no prazo dun "mes ou mes e medio" o visto e prace da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia á conexión ferroviaria entre A Coruña e Porto, que tería seis frecuencias semanais. Pontevedra quedaría a 80 minutos da Coruña e O Porto.

Así o avanzou este xoves en rolda de prensa o director xeral de Arriva en España, Juan Ignacio García, tras reunirse coa directiva do Eixo Atlántico na súa sede en Vigo.

García detallou que este tren terá tres paradas en Portugal, en Valença, Nine e Porto Campanha, aínda que máis adiante poderíase unir Viana do Castelo; e cinco en Galicia: A Coruña, Santiago, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo.

A duración da viaxe dun extremo ao outro sería dunhas dúas horas e 45 minutos, aínda que as condicións actuais da vía, con dous tramos sen electrificar, Redondela-Arcade e Tui-Guillarei, ademais do pendente de modernizar en chan portugués (Viana-Valença), alongaríao ata as tres horas.

A solicitude que Arriva trasladou a Competencia inclúe unha previsión de empezar a operar en xullo de 2019, aínda que a data final dependerá do propio curso da tramitación.

García indicou que cabe a posibilidade de utilizar trens de Renfe, aínda que isto non é "un chanzo insalvable", dixo, e garantiu que esta conexión será "competitiva" non só en prezos, senón tamén porque ofrecerá transbordos en autobús da flota propia de Arriva.

O secretario xeral de Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, felicitouse por que ao tren Celta, operado por Renfe e Comboios de Portugal e cuxas dúas frecuencias entre Vigo e Porto ve "manifestamente insuficientes", lle saia competencia.

Vázquez Mao destacou tamén que o tren que prevé pór en marcha Arriva mellorará a conexión cos aeroportos e axudará á mobilidade de estudantes e xubilados, á vez que fomentará o turismo, en especial o Camiño Portugués.

O catedrático Miguel Rodríguez Bugarín, tamén presente na reunión de hoxe, reclamou a electrificación dos tramos pendentes e "avanzar con pasos reais" no saída sur ferroviaria de Vigo desde a estación de Urzáiz, con vistas non só á conexión co Porto senón tamén con Lisboa.

O secretario xeral do Eixo apuntou que existen "boas expectativas" de que salga a licitación antes de que acabe o ano a electrificación do tramo entre Guillarei e Tui. 

Comentarios