Asaja atribúe a morte de vacas por inanición a "casos illados"

O sindicato agrario desvincula os sucesos de Chantada, Friol e Boiro da crise do sector e asegura que a calidade sanitaria dos produtos lácteos segue sendo "excepcional"

A morte de vacas por inanición en explotacións gandeiras obedece a "casos illados" e "non se trata dun problema nin de sanidade nin de saúde pública", afirmou este mércores o sindicato agrario Asaja.

Nun comunicado, o citado sindicato de novos agricultores responde á preocupación suscitada pola aparición de reses mortas por carencia de alimentación en explotacións dos municipios lucenses de Chantada e Friol e no coruñés de Boiro. "Non podemos xeneralizar, xa que os casos que se coñecen ata agora son feitos totalmente illados", indica Asaja na nota, e apunta que "a profesión de gandeiro en Galicia segue sendo sinónimo de esforzo, traballo e honradez".

O sindicato fai un chamamento á "tranquilidade" e afirma que "en ningún caso está afectada a calidade sanitaria do que se produce nas explotacións gandeiras galegas, que segue sendo dunha calidade excepcional".

O presidente do Consello galego de veterinarios, Juan José Gómez Fernández, que é tamén asesor científico de Asaja, indica que "sempre haberá quen busque unha relación" deses casos coa crise que atravesa o sector lácteo. Con todo, Fernández di estar "seguro" de que eses casos "están relacionados con problemas persoais dos propietarios" das explotacións e "non coa situación do sector".

Un gandeiro en cuxas instalacións apareceron corenta vacas mortas e outras en moi mal estado foi citado a declarar o vindeiro venres no Xulgado de Chantada por un presunto delito de malos tratos animais.

Comentarios