Asociacións animalistas celebran a cancelación dunha capea en Moaña

Sumado ás citas de Abegondo e O Páramo, é o terceiro festexo taurino que se suspende en Galicia no que vai de ano

As asociacións Galicia, mellor sen touradas e Libera celebraron a cancelación da capea en Moraña deste domingo o que, sumado ás citas de Abegondo e O Páramo, supón a paralización de tres festexos taurinos no que vai de ano.

Segundo apuntou Galicia, mellor sen touradas nun comunicado, este feito supón un "importante avance que incrementa o poder de convicción diante dos gobernos municipais" e sinalou ademais a colaboración con diferentes grupos políticos.

Doutra banda, denunciou que estas celebracións "ademais de implementar actos taurinos nunha comunidade allea á tauromaquia buscan abrir supostos canles de negocio para promotores que intentan beneficiarse das axudas de concellos e deputacións".

No comunicado recóllense, ademais, algunhas cifras como o "desembolso" do Concello de Valga de 3.000 euros para a organización dunha capea. A plataforma referiuse tamén á feira taurina de Pontevedra, "para a que se entregaron o pasado venres 104.000 rúbricas pedindo ao concello que asuma medidas para impedir as corridas de touros".

Para rematar, opinaron que "a tauromaquia segue de canga baixa en Galicia cun descenso do 40 por cento no número de convocatorias nun ano". A asociación abolicionista aseverou que esta tendencia se acelerou coa retirada de subvencións por parte dos gobernos municipais da Coruña, Sarria e Padrón", o que, din, "confirma que sen axuda pública o armazón non sobrevive". 

Comentarios