Atopan morto a un home de 70 anos na súa casa en Tordoia, afectada por un incendio

Uns veciños localizaron á vítima ao darse conta de que saía fume da vivenda
Un vehículo de bomberos. ARCHIVO
photo_camera Un vehículo de bomberos. ARCHIVO

Un home duns 70 anos foi achado morto no interior da súa vivenda, afectada por un incendio, no municipio coruñés de Tordoia, na parroquia de Cabaleiros. 

Segundo informou o 112, a vítima foi localizada por uns veciños que acudiron á casa ao darse conta de que da vivenda saía unha intensa fumareda. 

Foron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 os que chamaron ao 112 para solicitar a intervención das forzas da orde logo de recibir un aviso por parte dos veciños da localidade ao fío das 08,45 horas. 

Así, para prestar apoio ao equipo médico e coñecer as circunstancias do suceso, desde o 112 pasouse aviso aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. 

Tamén se notificou aos Bombeiros de Ordes, aínda que finalmente non foi precisa a súa colaboración posto que os propios veciños conseguiron extinguir as chamas, que consumiron un armario, un moble auxiliar e algo de roupa de cama.