Feijóo: "Non me atrevo a dicir se se pode cualificar de problema de homofobia"

O presidente móstrase "consternado" tras a morte de Samuel e rexeita "especular"
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante la rueda de prensa que ofreció tras la reunión del consello. EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo. ARQUIVO

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitiu a "consternación" e "impacto" que lle causou o crime de Samuel Luiz na Coruña. A partir de aí, preguntado sobre se considera que hai un problema de homofobia no país, rexeitou caer na "especulación" e avogou por deixar que avance a investigación sen "atreverse" polo momento a cualificar o "brutal asasinato" de "homófobo". 

Nunha entrevista coa Cadena Ser recollida por Europa Press, recoñeceu que non coñece novidades do caso, pero recalcou a "consternación" que produce que nunha cidade "tranquila" como A Coruña, dentro dunha comunidade "tranquila" e cun índice de delincuencia "baixísimo" se poida producir "un asasinato tan brutal". 

"Non oculto que non dabamos crédito cando empezamos a coñecer a noticia", dixo, antes de engadir que "non hai ningunha explicación" para o ocorrido e que o que sería desexable é que se identifique aos autores da malleira mortal. A continuación, preguntado sobre se cre que hai un problema de homofobia en España, mostrouse máis cauto. 

"O que procede é que a policía nos diga a causa ou móbil, que deteña aos implicados, tomar nota e sacar conclusións", di

"Hai un problema de irracionalidade, de instinto asasino por parte das persoas que o mallaron e mataron. Eu non sei cales eran as súas inclinacións sexuais nin creo que teña relevancia, porque o que ocorreu é que mataron unha persoa, mataron un home, non sabemos por que. Cando avance a investigación veremos cales son as causas, todas inxustificadas e irracionais. Pero non me atrevo a dicir se se pode cualificar de problema de homofobia", aseverou. 

"O que si creo e teñen razón os pais é en pedir respecto para esta persoa. E hai que saber que ocorreu", insistiu, antes de precisar, cuestionado sobre se considera que hai en España unha repunta de delitos de odio, que non dispón de información para chegar a esta conclusión dado que habería que analizar antecedentes con datos "sobre períodos concretos".

Ao longo da súa intervención, incidiu na "irracionalidade" do ocorrido e en que "non ten explicación" que "unha persoa estea cunha moza falando por teléfono con outra ou o que for, dá igual, e déanlle unha malleira no centro da Coruña ás tres da mañá con resultado de morte". 

"Os delitos de odio ou homofobia irémolos sabendo, pero o que procede é que a policía nos diga a causa ou móbil, que deteña os implicados, tomar nota e sacar conclusións. Pero buscar explicacións a un asunto absolutamente irracional, a un asasinato... Non digo que estea mal, pero neste momento de consternación e sen coñecer o detalle paréceme unha mera especulación, a verdade", dixo. 

Pontón, "sorprendida" polas declaracións do presidente

Escoitadas as declaracións de Feijóo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou a súa "sorpresa", ao tempo que mostrou o "orgullo" de ver como as rúas e prazas en toda Galicia "se encheronse para reclamar xustiza para Samuel e condenar a súa vil asasinato". Un "crime" que, ademais, "todo apunta a que está tinguido de homofobia, o que engadiría un delito de odio á violencia sen sentido que acabou coa súa vida". 

"E por iso sorprende a reacción de quen, como presidente da Xunta, parece empeñado en negar que detrás do asasinato de Samuel hai homofobia. Non se pode ser equidistante, nin se pode tratar de mirar para outro lado cando un mozo de 24 anos é asasinado pola súa condición sexual e coma se a un asasinato machista se quixese limitar a un caso de violencia máis, coma se non tivese importancia ou fose secundaria a causa que motiva o crime machista", reflexionou Pontón. 

Comentarios