O autor do grafiti de Platerías exponse a unha multa de entre 6.000 e 150.000 euros

As autoridades xa se atopan en proceso de identificar ao autor dos feitos grazas ás cámaras de vixilancia do centro histórico

Vandalismo en Platerías. (TWITTER @asesar81)
photo_camera Vandalismo en Platerías. (TWITTER asesar81)

O autor da pintada nunha das figuras apostólicas da fachada de Platerías, da catedral de Santiago de Compostela, enfróntase a unha multa de entre 6.000 e 150.000 euros, segundo as sancións que establece a Lei de Patrimonio da Xunta de Galicia.

"Aplicarase con toda contundencia a Lei de Patrimonio", afirmou este luns o conselleiro de Cultura do Goberno galego, Román Rodríguez, que compareceu ante os xornalistas xunto co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

As autoridades procederán ao visionado das cintas das cámaras que existen nesta contorna do centro histórico da capital de Galicia para tratar de identificar ao autor do grafiti nunha das figuras de mármore da porta de Platerías, a única de estilo románico que conserva a catedral.

O grafiti que apareceu nunha das figuras da fachada sur do templo compostelán emula a un dos compoñentes do grupo estadounidense Kiss de hard rock, que curiosamente actuou o pasado mes de xullo no festival musical Resurrection Fest, na localidade de Viveiro (Lugo).

Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral, explicou que o dano causado na figura non parece grave e que poderá ser eliminado pola tarde. "Estimamos que, despois dos estudos que fixemos cos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio e os nosos propios restauradores, cos equipos que temos nestes momentos na catedral, con láseres de última xeración poderemos limpar o dano esta tarde", asegurou.

Diante deste tipo de actuacións somos intolerantes

VISIONADO. O titular de Cultura da Xunta de Galicia cualificou o acto como "un auténtico atentado cultural" e "unha barrabasada", e explicou que as forzas e corpo de seguridade xa se atopan revisando as gravacións das cámaras de vixilancia para intentar identificar ao autor.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mostrou o seu rexeitamento ao dano que sufriu a peza do século XII e afirmou que a cidade é "unha cidade patrimonio da humanidade terriblemente tolerante, pero hoxe aquí lanzamos unha mensaxe de que diante deste tipo de actuacións somos intolerantes".

Daniel Lorenzo, Roman Rodríguez e Martiño Noriega solicitaron "civismo" e apelaron á importancia de concienciar "a todo o mundo da importancia da preservación do patrimonio".

A praza de Platerías, onde se sitúa a escultura danada, debe o seu nome aos talleres de ourives situados desde a Idade Media nos baixos asoportalados do claustro.

Comentarios