Avalan que a etiquetaxe non teña alusións a Galicia se non está amparado por Mexillón de Galicia

Expresións como 'Das rías galegas' ou 'Envasado en Galicia' supoñen unha infracción á normativa

Mejillones. EP
photo_camera Mexillóns. EP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso interposto por Anfaco e manterá a instrución que insta os operadores do sector a que retiren das súas etiquetas calquera alusión a Galicia ou que puidese evocar a Mexillón de Galicia, a condición de que o ingrediente non estea amparado pola Denominación de Orixe Protexida (DOP).

Esta instrución, presentada de xeito conxunto polas Consellerías de Mar e Medio Rural e de Economía e Industria manterase a pesar da reclamación de Anfaco.

Tal e como explica Mexillón de Galicia nun comunicado, a alternativa que se lles ofreceu a quen non quixesen cambiar estas identificacións é a de utilizar o termo 'Mexillón certificado pola DOP'. Do mesmo xeito, recorda tamén que o prazo establecido para que as empresas regularicen as etiquetas era dun ano.

"Respondíase así ás continuas demandas de Mexillón de Galicia para que se cumprise a lei, peticións que foron referendadas pola resolución da Audiencia de Pontevedra 41/2016 que sinalaba que a utilización das expresións 'Das rías galegas' ou 'Envasado en Galicia' en mexillóns en conserva comercializados por empresas que non pertenzan á DOP supón unha infracción da normativa de protección", explica.

RECURSO DE ANFACO. Ante esta instrución, Anfaco presentou o 24 de outubro de 2018 un recurso ante Consumo no que solicitaba a revogación da mesma, así como a suspensión dos requirimentos realizados ás empresas para que adaptasen as súas etiquetas á normativa ou que, alternativamente, utilizasen a denominación Produto amparado pola DOP. Logo de ser os recursos rexeitado por Consumo, Anfaco levou o asunto ao TSXG.

De novo, a petición de Anfaco foi rexeitada e, no auto, o TSXG explica que "o prazo dun ano dado pola Xunta para modificar a etiquetaxe foi suficiente para evitar un prexuízo ás empresas", segundo expón a DOP.

Comentarios