O golpe de estado en Sudán sorprendeu en Xartum, a capital do país, a Baiuca (nome artístico do músico galego Alejandro Guillán) e a catro persoas que o acompañaban para participar no festival Sama, que pechaban como prato forte este martes.
Xunto a Guillán viaxaban o percusionista Xosé Lois Romero, a cantareira Andrea Montero, o cineasta e responsable da parte audiovisual do espectáculo Adrián Canoura e o técnico de son Alfonso García.
Todos eles atópanse ben e protexidos nun lugar seguro, segundo aseguran fontes próximas ao artista consultadas por Europa Press. Chegaron o domingo pola noite e o luns tiñan previsto un encontro con músicos sudaneses no marco do festival, que leva celebrando con normalidade durante todo o mes de outubro.
Con todo, o secuestro do presidente e de varios altos cargos da facción civil do goberno de transición democrática produciuse xa na madrugada do domingo ao luns.
Incomunicados, o que máis preocupa é a situación de incerteza, xa que os aeroportos e portos están pechados e descoñécese cando poderán saír do país. En principio, viaxaban de volta este mércores.