Baiuca e o mariñán Adrián Canoura, de volta en España tras 5 días atrapados en Sudán

Tras "días de moita incerteza e tensión", agradecen todo o apoio recibido
Baiuca y sus colaboradores, ya en Barajas. @BAIUCA
photo_camera Baiuca e os seus colaboradores, xa en Barajas. @BAIUCA

O grupo galego Baiuca atópase xa en España tras saír o venres de Xartum, onde levaban cinco días atrapados tras o golpe de estado militar en Sudán. O artista e os colaboradores que o acompañaban, entre eles o mariñán Adrián Canoura, aterraron o sábado pola noite en Madrid tras un longo camiño de volta de máis de 36 horas de viaxes e escalas, segundo informou Raso, o selo do grupo, nun comunicado.

Segundo explica, viaxaron primeiro a Adis Abeba e despois a Roma, onde estiveron máis de dez horas sen poder saír do aeroporto polas regras sanitarias vixentes en Italia cos pasaxeiros procedentes de Etiopía. Finalmente este sábado emprenderon viaxe de Roma a Madrid, onde aterraron ás 21.00 horas. 

No comunicado recordan que os cinco músicos estiveron "seguros e protexidos" polo equipo e as forzas e corpos de seguridade da Embaixada de España en Xartum que os acompañaron desde a súa chegada o pasado domingo 24 de outubro e ata onte, venres 29.

O selo do grupo asegura que os artistas estiveron en Sudán "vixiados, acompañados e protexidos as 24 horas"

Desde o selo discográfico aseguran que foron "días de moita incerteza e tensión", nos que o grupo se apoiou nos familiares e achegados que foron "os alicerces fundamentais para soportar estes días e tomar as decisións correctas".

Ademais, agradecen as múltiples mostra de apoio recibido e destacan que os artistas estiveron "vixiados, acompañados e protexidos as 24 horas" polo persoal de seguridade da embaixada de España en Xartum, e agora xa están de volta e con ganas de volver aos escenarios.

Por iso, aseguran que "o mellor apoio por parte de todos e todas que pode recibir Baiuca e os seus músicos agora mesmo é poder volver traballar e levar a cabo os próximos concertos", que esperan que poidan ser en condicións de aforamento completo, e todo isto quede "nunha anécdota gris na traxectoria do proxecto".

Álex Guillán, creador de Baiuca, proxecto unipersonal de folk e electrónica; a cantareira Andrea Montero, o percusionista Xosé Lois Romero, o encargado da parte audiovisual Adrián Canoura e o técnico de son Alfonso García levaban cinco días atrapados no país africano tras o golpe de estado dos militares contra o Goberno civil de Abdalá Hamdok. 

O grupo desprazouse a Sudán para dar un concerto o pasado martes en clausúraa do festival Sama.

Comentarios