Baixa o absentismo de nenos xitanos provocado polo tiroteo de Vigo

Este venres xa foron a clase case tres de cada catro alumnos desta etnia matriculados en centros de Tomiño Tui e O Porriño. Continúa a procura dos 'pistoleiros', dous dos cales xa foron identificados pero non localizados

Os alumnos de Primaria e Secundaria de etnia xitana matriculados en centros de Tomiño, Tui e O Porriño (Pontevedra) volven ás aulas de forma progresiva, segundo informou a Consellería de Educación, despois de que nos últimos días o absentismo fora moi elevado tras rexurdir o conflito que enfronta á familia dos Moróns co clan dos zamoranos.

En concreto, a non asistencia destes alumnos reduciuse o venres ao 26,4 por cento, fronte ao máis do 57 por cento do día anterior. Así, mentres que máis da metade dos estudantes non acudiron aos seus colexios e institutos o xoves, un día despois de que se producise un tiroteo no que resultou ferido un vendedor ambulante do clan dos zamoranos, este venres acudiron a clase 78 dos 106 alumnos matriculados.

Moitos pais decidiron non levar aos seus fillos ao colexio tras a liorta vivida no mercadillo de Cangas a semana pasada e o tiroteo no túnel de Valladares que se produciu ao finalizar o mercado de Coia este mércores. 

SEGUE A BUSQUEDA. Por outra banda, fontes policiais confirmaron que se mantén despregado o dispositivo de procura e localización do autor ou autores dos disparos na VG-20, así como do coche utilizado na fuxida.

Nese dispositivo, a Policía Nacional conta co apoio da Garda Civil e de diferentes Policías Locais da comarca, así como da Policía portuguesa, xa que a procura esténdese pola área metropolitana, a zona fronteiriza e o norte de Portugal.

Mentres, os investigadores tamén esperan recibir os resultados dos informes de balística, que está a elaborar un equipo de Madrid, a partir dos casquillos de bala e as evidencias recollidas no lugar do tiroteo.

DOUS IDENTIFICADOS. Polo menos dous dos pistoleiros que participaron no tiroteo foron xa identificados pola Policía. Con todo, non regresaron ao seu domicilio e non se puido dar con eles. 

Tampouco se localizou o Golf de cor gris desde o que dispararon, alcanzando a varios coches e furgonetas cunha trintena balazos.

Comentarios