Baltar desmárcase do PP nacional e apoiará na Deputación a folga de mulleres do 8-M

Os catro grupos con representación provincial en Ourense, PP, PSOE, Democracia Ourensá e BNG, aprobarán unha declaración institucional de apoio á mobilización feminista

Manuel Baltar. AEP
photo_camera Manuel Baltar. AEP

A Deputación de Ourense, gobernada polo PP, prevé aprobar este venres unha declaración institucional apoiada polos catro grupos con representación provincial —PP, PSOE, Democracia Ourensá e BNG— de apoio á folga de mulleres que terá lugar o 8 de marzo. Deste xeito, a institución presidida por Manuel Baltar desmárcase da posición adoptada polos populares a nivel estatal —o partido tachou a mobilización "elitista e insolidaria"— e súmase a esta iniciativa que parte de colectivos feministas.

O PP considera que a folga convocada con motivo do Día Internacional da Muller é "irresponsable" e que, mesmo, "aposta polo enfrontamento entre homes e mulleres". Nun argumentario que elaborou pata xustificar a súa negativa para apoiar este paro, o partido de Mariano Rajoy sinala que "a igualdade non é algo de mulleres" senón "un asunto de todos" e cre que a "igualdade real" só se logrará cando se alcance o "equilibrio".

O texto que aprobará previsiblemente o pleno da Deputación en Ourense co apoio do PP, que ten maioría absoluta, fai un chamamento ao colectivo de traballadores a secundar os paros, manifestacións e mobilizacións que se celebren durante a xornada. A este respecto, o portavoz do grupo provincial do PP ourensán, Plácido Álvarez, quixo resolver posibles polémicas e, en declaracións a Efe, defendeu a necesidade de "reivindicar" dereitos que afectan a todos os cidadáns de forma conxunta.

Destacou o consenso logrado entre os portavoces dos distintos grupos para presentar un texto que persegue "reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, a esfera social e no dereito para vivir sen violencia", coas súas "matizacións", tras aclarar que é normal que nalgún punto houbese discrepancias. "Falamos de paros laborais que son simbólicos e a Deputación ten que estar aí", apuntou Álvarez Dobaño, quen precisou que este apoio ten un carácter "simbólico".

Comentarios