O BNG inicia a configuración dunhas listas para as que non pedirá carné

Abriu as portas da organización a "todas as persoas" que teñan un "compromiso" real con Galicia

A voceira do BNG Ana Pontón no Consello Nacional Extraordinario celebrado este venres. XOÁN REY, EFE
photo_camera A voceira do BNG Ana Pontón no Consello Nacional Extraordinario celebrado este venres. XOÁN REY, EFE

O BNG lanzou este venres o proceso de elaboración de candidaturas para as eleccións xerais do 28 de abril para conformar unhas listas "con amplitude de onda" e sen pedir "carnés a ninguén".

Así o proclamou a líder do Bloque, despois da celebración dun Consello Nacional extraordinario no que abriu as portas da organización a "todas as persoas" que teñan un "compromiso" real con Galicia.

O proceso "participativo" concluirá o próximo 9 de marzo coa aprobación definitiva das listas para as eleccións xerais para o próximo 28 de abril e antes pasará polas asembleas comarcais que se celebrarán as próximas semanas.

Será un traballo "participativo" porque o BNG necesita de "moitas mans" polo que se presenta como unha organización "aberta" a todas aquelas persoas que "queiran contar con forzas propias para avanzar" por Galicia.

"No proxecto común do BNG hai sitio para todas esas persoas que levan o noso país na cabeza e no corazón", proclamou Pontón, que con todo non fixo referencia a organización algunha ou persoa en concreto.

Configurarán a candidatura ao Congreso, "non pedindo carnés a ninguén, simplemente pedindo compromiso con este país", defendeu.

O obxectivo dos nacionalistas é recuperar "a voz propia de Galicia" no Congreso mediante un partido "de confianza" e que ademais está "unido e cohesionado".

Para iso, buscan confirmar as súas listas con "persoas solventes, comprometidas e que sexan representativas da pluralidade da sociedade galega", polo que chama á participación nun momento no que é necesario comprometerse porque "non queremos resignarnos a elixir entre o malo e o peor".

Pontón fixo un chamamento para deixar atrás unha lexislatura na que as forzas estatais deixaron claro que "Galicia sempre pode esperar" e nunca é unha prioridade polo que non se atendeu coa intensidade precisa a situación de Alcoa, as peaxes da AP-9 ou a necesidade dunha tarifa eléctrica propia.

Tampouco foi de utilidade o "cambio de inquilino" na Moncloa xa que os pactos do PSOE con Podemos e En Marea supuxeron unha alternancia na "discriminación", cuns orzamentos, que eran os máis baixos en 17 anos".

A consecuencia de non contar desde 2015 coa presenza do BNG nas Cortes é que "Galicia perde mentres outros conseguen avanzar" polo que o 28 de abril é o momento de facer volver a "unha forza política propia sen ataduras nin  sucursalismos".

A este respecto, considerou que "un, dous ou tres deputados" do Bloque son máis beneficiosos para Galicia que 23 "subordinados aos intereses de Iglesias, Sánchez ou Casado".

Unha apreciación que, dixo Pontón, é compartida por moitos galegos que "botaron de menos ao BNG", e que por iso nesta ocasión apostarán por dar a súa confianza ao Bloque aínda que en pasadas citas electorais non o fixeran.

"Hoxe percibimos na rúa que moita xente volve mirar para o BNG, porque ten claro que somos a súa voz en todos os foros e parlamentos".

Comentarios