O BNG insiste na necesidade dun confinamento de 15 días para frear a terceira vaga

Rego solicita ao Goberno central controis nas granxas de visóns polo seu risco de transmisión da covid
Olalla Rodil. AEP
photo_camera Olalla Rodil. AEP

O BNG insiste en que a evolución da terceira vaga da pandemia fai necesario un confinamento de dúas semanas como suxire "a comunidade científica" á que, segundo a deputada Olalla Rodil, a Xunta de Galicia "non escoita".

indignante e incomprensible que a Xunta non adopte novas medidas e máis contudentes para frear a terceira onda", sinalou, en declaracións aos medios este sábado, a viceportavoz parlamentaria do Bloque, que urxiu á Administración autonómica a adoptar de inmediato máis restricións para facer fronte a unha pandemia que continúa en cifras de marca na comunidade galega.

"Os datos deste sábado e os que levamos vendo nas últimas semanas demostran que o virus está descontrolado no país. Non se pode esperar á semana que vén para tomar decisións", aseverou Rodil, que acusa á Xunta de ignorar á comunidade científica que solicita o confinamento domicilario como vía para atallar a terceira onda da pandemia.

Unha "actitude" que a deputada tacha de "absolutamente irresponsable", polo que demandou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e o seu equipo de goberno que "escoiten" aos expertos e aumenten xa as restricións sen esperar á próxima semana ante o empeoramento do volume de contagios e a presión sobre os hospitais.

"Os datos deste sábado e os que levamos vendo nas últimas semanas demostran que o virus está descontrolado no país"

"É necesario actuar xa e facelo con contudencia, adoptando medidas duras pero necesarias", apostilou Rodil antes de demandar que "todas" as medidas han de ir acompañadas de axudas económicas "para os sectores máis afectados" pola crise desatada polo coronavirus.

CONTROIS EN GRANXAS DE VISÓNS. Doutra banda, o BNG solicitou ao Goberno central que realice controis sanitarios nas granxas de visóns ante o risco de expansión do virus aos humanos nestas explotacións.

Despois do brote detectado nunha granxa da Baña (A Coruña), o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, reclamou que leven a cabo "probas masivas" neste tipo de explotacións como xa se fixo noutros países europeos.

Para o deputado da formación frontista, o "impacto" deste tipo de granxas "transciende do ambiental para converterse nun vector de transmisión da covid-19, constituíndo un risco engadido para as poboacións periféricas e para a loita contra esta pandemia".

Asimiso, o Bloque cre que a pandemia e o seu impacto sobre as granxas de visóns supoñen unha oportunidade para actuar "con intelixencia, visión de futuro e pensamento ecolóxico" á hora dunha transición cara a un modelo de negocio "máis amable" nestas explotacións.

Comentarios