O BNG pide a retirada da lei que avala a universidade privada galega

Os nacionalistas aseguran que esta iniciativa ten por obxectivo "profundar no desmantelamento dos servizos públicos"
photo_camera O deputado nacionalista Manuel Lourenzo. EP

O BNG pedirá no Parlamento a retirada do proxecto de lei de creación da primeira universidade privada galega, impulsada pola entidade financeira Abanca, e que entrará na Cámara nos próximos días tras a súa aprobación no Consello da Xunta.

Nun comunicado, o deputado nacionalista Manuel Lourenzo asegura que esta iniciativa "non ten máis obxectivo que profundar nas políticas de privatización e desmantelamento dos servizos públicos, neste caso da universidade galega, que caracterizou o último decenio do PP no goberno" autonómico.

Para o BNG, trátase dun proxecto de lei "absolutamente innecesario" nun país con tres universidades públicas e sete campus distribuídos por todo ou territorio.

Ademais, continúa Lorenzo, supón a posta a disposición da universidade pública "ao servizo dos grandes fondos internacionais", "De ningún xeito principios básicos da educación como a igualdade, o mérito e a capacidade poden ser substituídos por intereses económicos de grandes fondos voitre que atopan no desmantelamento do sistema universitario galego un novo nicho de mercado", incide o deputado nacionalista, que reclama á Xunta un compromiso coa universidade pública.

Comentarios