BNG e PSdeG terán representación nunha Mesa do Parlamento tricolor

A pluralidade volve ao órgano tras oito anos. O PP ostentará a maioría con tres postos, mentres que os nacionalistas ocuparían a vicepresidencia e os socialistas, a vicesecretaría
Minuto de silencio en O Hórreo. PARLAMENTO DE GALICIA
photo_camera Un pleno no Hórreo. PARLAMENTO DE GALICIA

A Mesa do Parlamento contará con representación das tres formacións políticas con asento no Pazo do Hórreo. Así, no órgano reitor, no que o PPdeG manterá a maioría absoluta —tres postos— que ostenta na Cámara con 42 deputados, o BNG terá a vicepresidencia e o PSdeG farase case seguro coa segunda secretaría. 

As tres forzas mostraron a súa vontade de manter o reflexo da "pluralidade" saída das urnas, un cambio con respecto aos últimos oito anos, onde a irrupción de Age en 2012 propiciou que o PSdeG quedase con dous postos que deixaba libre o PP, deixando fóra aos de Beiras e o BNG. Despois, en 2016, co sorpasso das mareas aos socialistas, houbo unha Mesa tricolor —PP, En Marea e PSOE—, pero o Bloque quedou fóra. 

Agora, esta lexislatura recuperará a tradición de que todas as forzas do hemiciclo estean representadas no órgano reitor da Cámara galega, aínda que haberá que esperar ao 7 de agosto para plasmar o acordo. Será ese día cando se escolla a Mesa, nunha votación que estará presidida pola mesa de idade —co deputado máis veterano asistido polos dous máis novos—. Neste caso son a debutante Isaura Abelairas, que ata agora era concelleira en Vigo, xunto a dous deputados do BNG: o ribadense Daniel Castro —o máis novo do hemiciclo, nacido en 1996— e o pontevedrés Paulo Ríos Kai, nacido en 1993. 

Faise unha primeira votación para elixir a persoa que ostentará a presidencia e que actualmente, e desde hai dúas lexislaturas, ocupa o popular Miguel Santalices. Posteriormente elíxense os dous vicepresidentes, que segundo as fontes parlamentarias consultadas serán para o PPdeG e para o BNG, respectivamente. As secretarías serán unha para o PP e outra para o PSdeG, as cales sairán elixidas nunha terceira votación. 

O sistema de votación para as vicepresidencias e secretarías baséase en que os dous nomes máis votados son os que acceden, por número de apoios, a cada un destes dous postos. Por iso, o BNG podería ‘acaparar' os dous postos da oposición, pero de arranque optarase por esa pluralidade. 

Ademais, antes de constituír a nova Cámara, a Deputación Permanente da anterior debe resolver aínda dúas comparecencias pendentes pedidas pola oposición, de Feijóo e Carmen Pomar.

Comentarios