O BNG "rompe co politicamente correcto" coa súa campaña para o 8 de marzo

O máis grande de Galiza está até a cona é o lema escollido pola formación nacionalista para denunciar a desigualdade entre homes e mulleres

Presentación da campaña do BNG para o 8 de marzo. TWITTER
photo_camera Presentación da campaña do BNG para o 8 de marzo. TWITTER

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este martes a campaña da súa formación con motivo do 8 de marzo, que leva por lema O máis grande de Galiza está até a cona coa que pretenden "romper co politicamente correcto" para denunciar a desigualdade entre homes e mulleres.

A presentada este martes polo Bloque contraponse coa campaña institucional que a Xunta puxo en marcha para o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro), baixo o nome O máis grande de Galicia non se maltrata e que recibiu duras críticas por parte da oposición.

Deste xeito, Ana Pontón rexeitou as "campañas paternalistas e cosificadoras que o PP quere para as mulleres", incidindo en que ese tipo de actuacións necesitan "unha resposta con contundencia".

"Por iso dicímoslle ao PP e ao señor (Alberto Núñez) Feijóo que o máis grande de Galicia está ata a cona", subliñou Pontón tras descubrir o cartel da súa campaña fronte ao Parlamento galego.

A líder nacionalista admitiu que a campaña do BNG "rompe co politicamente correcto" porque "pretende ser provocadora pero tamén clara" para demostrar que ante unha "situación de desigualdade e violencia que están a sufrir as mulleres non valen as medias tintas".

Alertou do crecemento do "neomachismo" no que están instaurados, ao seu xuízo, "precisamente os gobernos do PP, da Xunta e do Estado".

Campaña BNG

Ana Pontón xustificou o slogan da súa campaña en que as mulleres están "fartas" de cobrar menos por realizar o mesmo traballo, de ser asasinadas pola violencia machista e de que a conciliación sexa unha carreira de obstáculos.

"Estamos fartas de que nos toque a peor parte por ser mulleres", incidiu Ana Pontón que sinalou que ante a desigualdade existente "non valen os lazos lila" nas solapas das chaquetas dos dirixentes populares.

Finalmente, a portavoz do BNG fixo un chamamento a unha participación "masiva" na manifestación convocada para o vindeiro domingo en Vigo e ás mulleres para "que se deixen sentir na folga do 8 de marzo" para demostrar que "o mundo non funciona sen mulleres e as mulleres non queremos seguir funcionando con desigualdade".

Comentarios