Sete de cada dez graos das universidades galegas, sen prazas

En Pontevedra colgaron o cartel de completo Fisioterapia e Enfermaría
Facultad de Fisioterapia en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Facultad de Fisioterapia en Pontevedra. DAVID FREIRE

Xa queda menos opcións de carreiras nas que matricularse para o curso 2022- 2023. O quinto prazo de matrícula arrinca este mércores con outros 22 graos que esgotaron as prazas, o que implica que 134 dos 183 estudos ofertados nos sete campus galegos xa non son unha alternativa.

Once dos graos que colgaron o cartel de completo pertencen á UVigo: Enfermaría no campus de Ourense; Fisioterapia e Enfermaría en Pontevedra, e outras oito opcións en Vigo. Neste caso, Bioloxía, Ciencias do Mar, Educación Infantil, Enfermaría da Escola de Meixoeiro, Enfermaría de Povisa, Enxeñaría Química Industrial, Linguas Estranxeiras e o grao en Química.

En Lugo, aínda quedan vacantes en tres enxeñerías: Civil, Forestal e do Medio Rural e en Procesos Químicos. Tampouco se cubriron aínda nos graos de Relacións Laborais, Paisaxe e en Xestión Cultural —tanto na súa versión presencial como na semipresencial—.

No último chamamento quedaron pechadas catro opcións ofertadas pola USC neste campus. á cabeza por nota de corte, Nutrición Humana e Dietética, cun 8,258. Cun 5,788, séguelle o grao aberto 5USC Enxeñarías, que se implantou no curso 2020-21 e que permite ao alumnado elixir materias de ata cinco carreiras diferentes no primeiro e segundo ano para logo decidirse por unha vía concreta. Do seu lado, o último admitido en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria entrou cun 5,44 e o de ADE, cun 5,186.

Na USC, á marxe das catro baixas do campus de Lugo, nesta ocasión só Óptica e Optometría completaron as súas vacantes en Santiago, cunha nota de corte de 9,97.

En canto á UDC, no campus coruñés Bioloxía, Empresariais, Estudos Lingüísticos e Literarios, Logopedia, Química e Terapia Ocupacional informaron que xa non aceptan a máis estudantes; unha situación que se estende a Enfermaría e Enxeñaría Naval e Oceánica en Ferrol.

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (Ciug) recorda que os admitidos poden matricularse desde este mércores ata o xoves ás 23.59 horas. Só poderá facelo quen que teñan unha cualificación igual ou superior á do último convocado en cada títulación.

Comentarios