Calvo pide a Currás que ''reconsidere'' a continuidade como alcalde de Santiago

O secretario xeral do PP na provincia da Coruña e presidente da Deputación provincial, Diego Calvo, pediu hoxe ao alcalde de Santiago, Ángel Currás, que "reconsidere a súa opción, que o pense ben e que decida" sobre a súa continuidade á fronte da corporación municipal.

"Que pense ben o que quere facer e iso será bo para todos", sostivo Diego Calvo nun almorzo coa prensa nun hotel da Coruña.

O rexedor compostelán anunciará hoxe os nove integrantes que se incorporan ao seu goberno e que relevarán a sete concelleiros que dimitiron tras ser condenados por prevaricación e a outros dous, imputados na operación Pokemon, que dimitiron recentemente.

O secretario provincial do PP explicou que o partido estivo "sempre á beira" dos seus compañeiros en Compostela "dando a nosa opinión e asesorando", polo que esta mañá o alcalde na súa comparecencia pública "poderá aclarar" os proxectos de futuro. "Nós sempre estivemos aí para todo o que nos pediron", salientou.

Preguntado acerca de se o alcalde de Santiago debe presentar a súa dimisión, reiterou que a decisión é súa e que debe ser el quen a adopte.

No entanto, instouno a que "reconsidere a súa opción, que o pense ben e que decida" o que quere facer, porque "iso será bo para todos".

Comentarios