A Cámara acepta por unanimidade tramitar unha reforma legal para recoñecer a violencia vicaria

Populares e socialistas apoiaron este martes cos seus votos a toma en consideración dunha proposición non de lei defendida pola líder dos nacionalistas galegos
Parlamento gallego. EP
photo_camera Parlamento galego. EP

Os tres grupos políticos con representación na Cámara galega -PPdeG, BNG e PSdeG- apoiaron este martes a toma en consideración dunha proposición de lei para reformar a norma galega de violencia de xénero de forma que recoñeza ás vítimas da coñecida como violencia vicaria.

Populares e socialistas apoiaron este martes cos seus votos a toma en consideración dunha proposición non de lei defendida pola líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, quen chamou a atención sobre o feito de que "a día de hoxe" a lei non recoñeza como vítimas de violencia machista ás mulleres que "perden aos seus fillos a mans dos seus maltratadores".

"Estas mulleres, a día de hoxe, non teñen a consideración de vítimas de violencia machista e, polo tanto, non teñen os dereitos e a maior protección que outorga o estatuto de vítima de violencia de xénero", sinalou Pontón, que afirmou que tampouco "están amparadas polos protocolos de atención previstos".

Por iso, destacou que "cambiar esta situación" é o obxectivo desta iniciativa para a que pediu o apoio do resto das formacións da Cámara galega, un respaldo que trasladaron a popular Paula Prado e a socialista Noa Díaz durante o debate.

"Entendemos que sobran os argumentos para que este Parlamento tome en consideración esta iniciativa presentada polo BNG para dar unha maior protección ás vítimas"

Na súa intervención, Ana Pontón considerou necesario que esta modificación, que suporá a ampliación do concepto de violencia de xénero na lei galega de prevención e tratamento da violencia de xénero aprobada en 2007, teña carácter retroactivo de forma que "todas as mulleres que a sufriron no "pasado poidan estar amparadas e ter acceso a todas as axudas e á protección".

"Entendemos que sobran os argumentos para que este Parlamento tome en consideración esta iniciativa presentada polo BNG para dar unha maior protección ás vítimas", afirmou Pontón, que trasladou á Cámara a "voz" destas mulleres a través da lectura de varios apartados dun informe no que se recollen reflexións destas vítimas.

"Neste informe, estas mulleres ás que temos que trasladar todo o noso agarimo, piden que actuemos porque xa abonda de tanto desamparo en aspectos tan variados como o xurídico, o psicolóxico ou o económico; que comprendamos a devastación na que quedan e intentemos crear cambios, educar en igualdade e impulsar medidas adecuadas para atallar estes problemas antes de que se produzan", sinalou a nacionalista.

"En definitiva, o que nos piden é axuda psicolóxica, económica, laboral e xurídica para intentar refacer as súas vidas", apuntou Pontón, que incidiu na necesidade de darlle a "protección legal" que necesitan e "acabar co desamparo".

"De aí recoñecer que é de xustiza considerar como vítimas a esas mulleres que sufriron violencia vicaria, a que se exerce sobre unha terceira persoa para ferir á muller"

APOIO DE PPDEG E PSDEG. Tanto populares como socialistas apoiaron a proposición non de lei defendida pola portavoz nacional do BNG. Así, en primeiro lugar, a deputada do PSdeG Noa Díaz subliñou que a violencia de vigaira é unha das "violencias máis atroces" e recordou que desde o ano 2013, exercicio desde o que se contabilizan os datos de violencia de xénero en España, morreron 38 menores.

"De aí recoñecer que é de xustiza considerar como vítimas a esas mulleres que sufriron violencia vicaria, a que se exerce sobre unha terceira persoa para ferir á muller", afirmou a parlamentaria socialista que avanzou o seu apoio á iniciativa, que avogou por mellorar durante a súa tramitación.

E é que, entre outras cuestións, Noa Díaz considerou necesario tamén anular a posibilidade de que os maltratadores poidan ver aos seus fillos como forma de anular "a posibilidade de violencia vicaria".

GALICIA, "PIONEIRA". Pola súa banda, a popular Paula Prado asegurou estar a favor de ampliar a actual lei para recoñecer a violencia vicaria, un recoñecemento co que, segundo indicou, "unha vez máis", Galicia será "pioneira" e "estará á altura" do Convenio de Istambul.

Con todo, tamén sostivo que durante a tramitación poderase facer algunhas modificacións e puntualizacións en cuestións como o carácter retroactivo. Así, sinalou que desde 2015 Galicia xa contempla algunhas medidas para estes casos, como os apoios aos menores orfos por violencia de xénero.

"Pola vía das ordes da Xunta si se lles está dando todo o apoio que necesitan", afirmou Paula Prado, que tamén considerou que se deben incluír a outros "familiares directos" das vítimas, ademais da os fillos e fillas.

Comentarios