Carme Adán di que Nós superou "o bloqueo informativo" esta campaña

A cabeza de lista da formación por Pontevedra asegura en Vigo que os membros da súa candidatura están "todos os días a pé de rúa"
Acto en Vigo
photo_camera Acto en Vigo

A cabeza de lista de Nós Candidatura Galega por Pontevedra, Carme Adán, asegurou este xoves nun multitudinario acto en Vigo que "chegamos aquí despois dunha campaña dura, na que logramos superar o bloqueo informativo explicando o noso programa galego e as nosas propostas sociais anti recurtes". Enumerou propostas como a tarifa eléctrica galega, o banco público ou un modelo de financiamento baseado na cota, entre outras moitas cousas.

Afirmou que "non necesitamos paracaídas. Estivemos cos tractores na rúa e cos gandeiros. Non necesitamos un día facer un selfie cos do cerco, porque estamos todos os días a pé de rúa. Non fomos un día ver os estaleiros baldeiros porque estamos a diario cos seu problemas e hoxe sabemos que esa parálise foi culpa do PP que non defendeu ou tax lease anterior".

Adán quitou unha chaqueta para mostrar unha camiseta en defensa da sanidade pública, censurando a vergoña do hospital Álvaro Cunqueiro. "Non queremos repago de medicamentos. E queremos que a antiga torre do Pirulí teña usos socio-sanitarios e comprometémonos a levalo ao Congreso". Tamén ensinou unha camiseta laranxa contra os recortes, outra azul para pedir a derrogación da Lomce e máis bolsas, outra morada para denunciar o retroceso en igualdade e outra amarela contra as preferentes.

Comentarios