Os casos de covid entre maiores en residencias baixan a 28, a pesar de detectarse un positivo

Nosa Señora do Carme de Sarria, onde se detectou un brote en xaneiro, queda libre de virus tras recibir a alta un traballador contaxiado
Un anciano, en una residencia. EFE
photo_camera Un home, nunha residencia. EFE

Os casos de coronavirus entre usuarios das residencias de maiores de Galicia descenderon este venres a 28, tres menos que o xoves, tras comunicarse un novo positivo, tres altas e un falecemento.

Atendendo aos datos divulgados polo Sergas e a Consellería de Política Social, o novo caso detectouse na residencia de maiores A Milagrosa da Coruña. Mentres, recibiron o alta dous residentes de Mi Casa de Ferrol e un da DomusVi Laraxe, en Cabanas. 

O maior brote entre maiores está na DomusVi Laraxe, con nove; seguida da Santa Mariña de Xinzo de Limia, con sete; Mi Casa de Ferrol, con seis, e a Milagrosa da Coruña, con tres. Mentres, quedan outros tres centros cun interno contaxiado: a DomusVi de Carballo, a residencia de Viana do Bolo e o Fogar Residencial Xardín Castro Lar de Salceda de Caselas.  

No que respecta aos traballadores, os casos activos baixaron a oito (un menos que este xoves), tras notificarse un alta na residencia Nosa Señora do Carme de Sarria. Deste xeito, a instalación sarriá, na que se detectou un brote en xaneiro, queda libre de casos de covid. Hai dúas semanas que non hai usuarios contaxiados.

Así, quedan oito centros cun positivo cada un entre o seu persoal: a DomusVi Matogrande da Coruña; fogar residencial de Cerceda; DomusVi Laraxe; a residencia de maiores de Caranza, en Ferrol; Mi Casa de Ferrol; Nuestra Señora de las Virtudes de Pontedeume; a Servisenior de Brión, e As Gándaras de Lugo. 

En canto aos centros de atención a persoas con discapacidade, non se rexistraron cambios nas últimas 24 horas, de modo que non hai ningún empregado contaxiado. Os residentes co virus son catro: dous na Pai Menni de Betanzos, un en Aspanaes das Pontes e un en Fátima e Cristo Rey en Crecente. 

Comentarios