Os casos de covid entre maiores nas residencias galegas redúcense a 23

Residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia. FUNDACIÓN SAN ROSENDO
photo_camera Residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia. FUNDACIÓN SAN ROSENDO

Os casos de covid-19 en residencias de maiores de Galicia baixan a 28, dos que 23 corresponden a usuarios e cinco a traballadores, tras dúas altas na DomusVi Laraxe en Cabanas. 

Os datos actualizados este martes polas consellerías de Sanidade e Política Social revelan que non se rexistraron novos positivos, á vez que saen da lista por negativizar un usuario e un traballador de Laraxe. 

Así as cousas, baixan a 23 os usuarios con coronavirus —un menos—, dos que dez corresponden ao brote na residencia Santa Mariña de Xinzo de Limia. Na DomusVi Laraxe de Cabanas hai seis, Mi Casa Ferrol ten catro, A Milagrosa da Coruña, dúas; e o Fogar Residencial Xardín Castro Lar de Salceda de Caselas, un. 

En canto aos traballadores destes centros contaxiados, hai cinco residencias de maiores cun caso cada unha entre o persoal: DomusVi Matogrande, Fogar Residencial de Cerceda, Residencia de Maiores de Caranza, Mi Casa Ferrol e As Gándaras de Lugo. 

Os centros de atención a persoas con discapacidade, mentres, rexistran un único usuario contaxiado, localizado na Residencia Adultos Pai Menni de Betanzos.

Comentarios