A Catedral de Santiago permitirá visitas guiadas nocturnas

Iniciaranse o vindeiro martes día 10 de agosto, terán unha duración de 90 minutos e custarán 25 euros 
La catedral de Santiago. LAVANDEIRA JR.
photo_camera A catedral de Santiago. LAVANDEIRA JR.

A Catedral de Santiago de Compostela permitirá visitas guiadas nocturnas a partir do próximo martes, 10 de agosto, co obxectivo de pór en valor o resultado de todos os traballos de restauración e conservación que se viñeron desenvolvendo nos últimos anos, así como a nova iluminación instalada recentemente.

Así o comunicou a Fundación Catedral de Santiago, que informou de que estas visitas guiadas polo interior da Catedral en horario nocturno realizaranse unha vez pechado o templo ao público.

As visitas estarán dispoñibles de luns a sábado, e organizaranse dúas quendas (22:30h e 23:00h, excepto os venres, que só se organiza a visita das 23:00h). Cada quenda contará cun grupo formado por un máximo de 25 persoas, que irán acompañados por un guía oficial de turismo.

O percorrido incluirá todo o interior da basílica e o Pórtico da Gloria, ademais doutros espazos menos coñecidos, como a tribuna. Tamén se poderá acceder ao Tesouro e á capela das Reliquias. A visita terá unha duración aproximada de 90 minutos e un custo de 25 euros por persoa.

Comentarios