O catoirés Baiuca prevé voar desde Xartum o vindeiro venres

O mánager do grupo revela que o plan oficial é que fagan escala en Istambul e cheguen o sábado a España: "Están súper tranquilos, no sitio máis seguro que poden estar"
Concierto de Baiuca, con Alejandro Guillán y Adrián Canoura. AEP
photo_camera Concierto de Baiuca, con Alejandro Guillán y Adrián Canoura. AEP

O grupo galego Baiuca voará previsiblemente o venres pola noite desde Xartum, a capital de Sudán, onde quedaron atrapados tras o golpe de estado dos militares contra o Goberno civil de Abdalá Hamdok. Así o confirmou a Efe o mánager do grupo, Alan Queipo, que asegurou que o "plan oficial" é que os integrantes da banda poidan regresar a España o venres pola noite, tras o anuncio do propio aeroporto de Xartum, que abrirá con toda probabilidade ese día de novo o aeroporto para voos comerciais.

"A menos que se acelere iso, nós xa temos previsto que ese mesmo venres pola noite poidan tratar de volver", asegurou o mánager da banda. Farían escala en Istambul e o sábado pisarían España.

Alex Guillán, creador de Baiuca, proxecto unipersonal de folk e electrónica; a cantareira Andrea Montero, o percusionista Xosé Lois Romero, o encargado da parte audiovisual, o burelense Adrián Canoura, e o técnico de son Alfonso García están actualmente aloxados na residencia da embaixada e segundo Queipo "atópanse ben", "protexidos" e "acompañados" pola policía as 24 horas.

"Onte puideron falar desde os seus teléfonos cos familiares. Tiveron un intre internet porque si que está a volver a liña nalgúns lugares. Xa de seu en Sudán, en situacións normais a liña é mala, depende da compañía e da rede que estea en determinada zona", explica o mánager da banda, que engade que ese contacto axudou a "tranquilizar" aos familiares.

En todo caso, insiste en que desde España están en contacto en todo momento co embaixador de España en Sudán e que para a embaixada "é unha prioridade absoluta" que poidan voar "canto antes" e saír de alí.

LER MÁS O lucense Adrián Canoura, atrapado en Sudán está "ben, tranquilo e protexido"

Guillán e a súa xente viaxaron ao país africano o pasado domingo para participar no festival de músicas do mundo Sama Music Festival, que se estaba desenvolvendo con total normalidade desde comezos de mes e para o que tiñan previsto un concerto este martes. Segundo Queipo, debido a que a participación da banda no festival foi contratada pola embaixada, para eles é "unha prioridade" que poidan regresar.

Queipo asegura que as comunicacións co embaixador son fluídas, do mesmo xeito que co Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación. "Eles están súper tranquilos", insiste o mánager da banda, que ademais asegura que están "no sitio máis seguro que poden estar", "a residencia nunha embaixada europea, que ademais está relativamente afastada dos focos das barricadas".

"Nese sentido, temos relativa seguridade, aínda que evidentemente o contexto social da propia cidade é o que é. Pero eles están protexidos e acompañados en todo momento", asegurou. 

Comentarios