Lunes. 17.06.2019 |
El tiempo
Lunes. 17.06.2019
El tiempo

A CEG tacha de ataque "intolerable" as críticas de Iglesias a Amancio Ortega

Antonio Fontenla, portavoz da CEG. EFE
Antonio Fontenla, portavoz da CEG. EFE

Tanto a patronal galega como as estatais CEOE e Cepyme destacan o labor "exemplar" do fundador de Inditex

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) tachou de ataque "intolerable" as críticas dos dirixentes políticos de Podemos Isabel Serra e Pablo Iglesias ás doazóns sanitarias da Fundación Amancio Ortega. A patronal galega defende o labor de Ortega coa "dotación desde 2015 de 300 millóns de euros e a instalación de tres centenares de equipos de última xeración para mellorar o diagnóstico e o tratamento oncolóxico". 

Os dirixentes de Podemos declararon que unha "democracia digna" non debería aceptar doazóns de alguén que "elude" impostos. E a CEG, tal e como explicou nun comunicado, reproba tales declaracións dos políticos da formación morada. 

Así mesmo, a CEG recalcou que "a doazón é un dereito recollido expresamente na lexislación española". Por iso, "as desafortunadas declaracións supoñen un ataque intolerable á liberdade das empresas para reverter os seus beneficios, ou parte dos mesmos, en doazóns que beneficien ao conxunto dos cidadáns, máxime cando se trata dun dos alicerces básicos do Estado de benestar como é a sanidade pública". 

CEOE e Cepyme saen en defensa de Ortega e destacan o seu "labor exemplar" 

Tamén a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e a da pequena e mediana empresa (Cepyme) recoñeceron o "labor exemplar" de Amancio Ortega e agradeceron o traballo da súa Fundación, "tras as declaracións dalgúns dirixentes políticos" que criticaron as doazóns de equipos médicos do empresario galego a hospitais públicos, segundo informaron nun comunicado.  Ambas as patronais puxeron en valor o programa de renovación do equipamento tecnolóxico para o diagnóstico e o tratamento do cancro nos hospitais públicos, "que contribúe a fortalecer a sanidade pública, un dos alicerces básicos do Estado do Benestar". 

A CEG tacha de ataque "intolerable" as críticas de Iglesias a...
Comentarios