Centos de docentes protestan cunha cacerolada contra o protocolo para o próximo curso

Piden consenso á Consellería de Educación, á que acusan de "primar o economicista" sobre a saúde da comunidade educativa 
Los representantes de los sindicatos de Educación de Galicia formados por la CIG, UGT, CCOO y ANPE se han concentrado esta mañana delante de la consellería de Educación de la Xunta de Galicia, realizando una cacerolada protesta
photo_camera Los representantes de los sindicatos de Educación de Galicia formados por la CIG, UGT, CCOO y ANPE se han concentrado esta mañana delante de la consellería de Educación de la Xunta de Galicia, realizando una cacerolada protesta

Centos de profesores concentráronse este mércores ante a Consellería de Educación e protestaron cunha cacerolada contra o protocolo contra a Covid-19 para o próximo curso presentado polo Goberno galego, que os sindicatos consideran "temerario e improcedente", segundo o responsable de CIG Ensino, Suso Bermello. 

Os participantes na mobilización criticaron o documento por considerar que non garante a saúde nin do profesorado nin do alumnado e presentaron unha pancarta co nome do protocolo. "Imos facer o único que se pode facer con este protocolo: fumigalo", manifestaron e asperxeron o cartel. Entre as súas reclamacións están a contratación de máis docentes e que haxa menos alumnos por aula para garantir a distancia de seguridade. 

O pasado xoves, cando Educación presentou o documento na Mesa Sectorial, os sindicatos reclamaron a retirada do borrador e abandonaron a reunión. 

En declaracións aos medios antes de comezar a protesta deste mércores, Bermello reprochou á Xunta que estea "a impor" o protocolo, que "pon en risco a saúde e a presencialidade do ensino público" para o curso 2020-21, e acusou o Goberno galego de "evasión de responsabilidades" e de descargalas sobre o profesorado e os equipos directivos. 

"Todo se reduce a un criterio, que é o do custo cero", criticou e rexeitou conceptos "inventados" como o da aula burbulla. Ademais, considerou que non se propoñen medidas para evitar "a ruptura absoluta da equidade" ocorrida ao ter que dar as clases de forma telemática durante o confinamento, o que impide "a universalidade do dereito á educación". 

Pola súa banda, a secretaria xeral da Federación de Ensino de CC OO, Luz López, acusou á Xunta de falta de vontade de negociar: "Cando se quere negociar faise o que nós pedimos desde hai meses, que é crear grupos de traballo, que se nos presente un borrador e, a partir de aí ir traballando e acordando". 

O próximo curso, dixo, "está a planificarse con case absoluta normalidade, a custo cero e incumprindo nalgúns casos a lei de prevención de riscos laborais". 

Censurou, ademais, que se "deixe ver" que a limpeza dalgúns utensilios na aula dependerá dos docentes e o alumnado, ao que "non se lle pode pedir utilizar materiais tóxicos". López considerou que "se está primando o economicista sobre a garantía da saúde de toda a comunidade educativa".

"NON GASTAR UN PESO". O presidente do sindicato ANPE en Galicia, Julio Díaz Escolante, incidiu neste sentido e criticou que "se está primando non gastar un duro", mentres que "no resto de comunidades" están a contratarse máis profesores e adaptando os centros. 

"A Xunta está a facer todo ao revés: coas instalacións que temos, tentar por todos os medios que non nos custe nada e meter aos alumnos de calquera xeito nas aulas e arriscar a saúde", declarou e destacou que a proposta de separación dun metro non cumpre as normas do Ministerio de Sanidade. 

Ao seu xuízo, a Consellería non está a preparar tampouco ao profesorado para o caso de que volva haber un confinamento e haxa que recorrer á teleformación.

ENSINOS QUE ESTÁN "VENDIDOS". A representante de UGT Ensino, Paula Carreiro, pronunciouse no mesmo sentido e criticou que a Xunta pretende "unha educación a custo cero e que non garante a sanidade". Non está preparado tampouco o sistema informático, dixo. 

As familias e o alumnado, agregou están "deixados da man" e hai determinados ensinos que "están vendidas" e non contan con protocolos específicos, como as musicais ou as dirixidas a alumnos que necesitan apoios específicos. "Non podemos dar o visto e prace a un protocolo que non está terminado", manifestou. 

Por parte da Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (Confapa), José Antonio Álvarez Caride reprochou que a Xunta "non conta coas familias para nada" e non foron convocadas para ningunha reunión. Ademais, censurou que Educación deixe aos centros a decisión de se haberá extraescolares, o que vulneraría o dereito á conciliación. 

Comentarios