Cesan a directiva da Escola Náutica de Ferrol

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos cesou nas súas funcións ao director, o secretario e a xefa de estudos da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol. A decisión prodúcese despois de que o pasado mes de novembro o Partido Popular denunciase que o centro estaba a realizar “presuntos cobros indebidos” pola realización de exames fóra do horario lectivo.

A Xunta xa anunciara a semana pasada a apertura dun expediente disciplinario a cinco traballadores da Escola. A pesar de todo, segundo Pesca nunca se chegou a formular unha denuncia formal por estes feitos. 

A investigación levada a cabo polo departamento que dirixe Carmen Gallego terminou co cesamento de tres dos máximos responsables do centro.

Denuncia do PP
O Partido Popular asegurou no seu día que existía polo menos un documento no que “a persoa responsable dunha escola de navegación certificaba o pago de 50 euros en concepto de gastos de conserxería”. O PP sinalaba ao director e a un empregado da Náutico-Pesqueira como responsables de esixir esta cantidade de diñeiro por permitir a realización de probas oficiais os sábados.

O PP afirmaba naquela ocasión que a Consellería de Pesca se negaba a solucionar o problema e que mantiña paralizado o expediente iniciado en maio de 2005, por un proceso de información reservada derivado das primeiras denuncias sobre estas supostas prácticas irregulares.

Desde a oposición criticaron tamén que a actual Consellería confirmase no seu cargo ao director do centro en marzo de 2006, a pesar de que o proxecto que presentou ante a Comisión de selección de candidatos puntuou como "cero".

O director da Escola Náutico-Pesqueira fora denunciado ademais por acoso laboral polos traballadores do centro. O procedemento está en fase de instrución e o acusado xa compareceu, en calidade de imputado, ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 5 de Ferrol.

Comentarios