O Poder Xudicial ratifica a suspensión de sete meses e perda de destino para De Lara

A ratificación por parte do pleno pon fin á vía administrativa, polo que é execución inmediata
Pilar de Lara. J.VÁZQUEZ
photo_camera Pilar de Lara. J.VÁZQUEZ

O pleno do CGPJ ratificou a sanción de sete meses e un día de suspensión para a xuíza Pilar de Lara, ademais da perda de destino. Isto implica que a maxistrada terá que abandonar o xulgado de instrución 1 de Lugo, o epicentro dos macrosumarios desde hai unha década puxo patas para arriba a vida social, política e económica da cidade e de boa parte de Galicia.

Os vogais do pleno aceptaron deste xeito a proposta da relatora, a tamén vocal María del Mar Cabrejas, no sentido de rexeitar as alegacións presentadas polo avogado Pilar de Lara contra a decisión da comisión disciplinaria. Esta aprobou a sanción por falta moi grave da desatención do xulgado por mor da inxustificada acumulación de atrasos nos sumarios que instrúe, algún dos cales seguen abertos logo de dez anos.

A maxistrada alegara que dado o volume e a complexidade das investigacións, carecía dos medios necesarios; ademais, responsabilizou de boa parte dos atrasos e irregularidades procesuais a varios dos seus funcionarios, en especial a un secretario xudicial.

A ratificación por parte do pleno pon fin á vía administrativa, polo que é execución inmediata. Pilar de Lara deberá deixar o xulgado no mesmo momento en que reciba a notificación, un trámite que se pode completar nos próximos días. Queda a posibilidade de recorrer a sanción ante o Tribunal Supremo, pero ese recurso non ten carácter suspensivo, agás que o propio Supremo decida aceptase unha suspensión provisional, algo bastante improbable.

En calquera caso, pasarían semanas antes de darse esa decisión, tempo que ela seguiría en situación de suspensión.

O castigo supón ademais un engadido moi importante para o futuro da súa carreira xudicial, xa que a perda de destino implica tamén que perde o seu posto no escalafón, que é o que dá vantaxe aos xuíces máis veteranos sobre o resto á hora de elixir os mellores destinos. Tras cumprir os sete meses de sanción, se quere volver á carreira xudicial farao no último posto do escalafón, polo que só poderá aspirar aos xulgados que non queiran o resto.

Comentarios