Citan para facer PCR a todos os asistentes ao acto de Feijóo e Casado en A Coruña

Este cribado por "protocolo" establécese logo de dar positivo a conselleira de Mar, Rosa Quintana
Casado y Feijóo, en A Coruña. M.DYLAN
photo_camera Casado e Feijóo, en A Coruña. M.DYLAN

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) citou ao longo desta fin de semana "a todos" os asistentes ao acto do PP celebrado o pasado venres na Coruña con presenza do presidente nacional do partido, Pablo Casado, e o líder galego, Alberto Núñez Feijóo

Este cribado "por protocolo", segundo explicaron a Europa Press fontes provinciais da formación, prodúcese despois de transcender que a conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana, que precisamente estivo presente no evento, deu positivo en covid-19. 

Deste xeito, decenas de persoas, entre elas xornalistas, fotógrafos e cargos do partido, recibiron unha chamada do Sergas para facerse a correspondente proba despois de asistir a este acto celebrado no restaurante Árbore da Veira, no Monte de San Pedro, e que levaba por título Galicia: máis investimentos, menos impostos

Este acto na Coruña contou coa presenza non só de Casado e Feijóo, senón tamén de múltiples cargos orgánicos como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado; os presidentes provinciais da Coruña, Diego Calvo; Lugo, Elena Candia; e Ourense, Manuel Baltar; ademais do vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, entre outros. 

O PPdeG, consultado por Europa Press, enmarcou estas citas para facer a PCR no "protocolo convencional" que segue o sistema sanitario para "identificar contactos" dun positivo e evitar que se produzan contagios. 

A pesar de que as decenas de asistentes ocuparon as súas cadeiras coa preceptiva distancia e de que os membros da prensa situábanse nunha zona apartada para seguir o acto, a raíz do contaxio da conselleira o Sergas iniciou o rastrexo de contactos para descartar un eventual brote. 

No entanto, persoas alí presentes apuntaron a que houbo apertas mesmo entre Casado e Feijóo, quen ademais, tal e como capturaron os fotógrafos, non levaba a máscara nese preciso momento. 

Comentarios