Colega presentará unha campaña contra a homofobia en Galicia, con motivo do Día Internacional do Orgullo Gai

A asociación Colega Galicia presentará este martes a primeira campaña contra a homofobia na Comunidade, na que participaron o Parlamento galego, o Defensor do Pobo, a Delegación do Goberno, a Fiscalía, concellos, sindicatos, avogados, psicólogos ou xornalistas.

Nun comunicado, a coordinadora de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais de Galicia informa ademais da presentación, tamén este martes, do primeiro estudo comparativo sobre a percepción da situación dos homosexuais e transexuais en Galicia, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo Gai.

O BNG sumouse a estas celebracións "porque a igualdade é a base da democracia", indica nunha nota de prensa, na que esixe a retirada inmediata do recurso presentado polo PP ante o Tribunal Constitucional contra a lei que modificou o Código Civil para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, entre outras cuestións.

Así mesmo, móstrase partidario de promocionar unha educación non sexista que incida na necesidade de cambiar os roles sociais tradicionais e que impulse os diversos modelos familiares.

Tamén o sindicato CC OO reclamou o dereito de homes e mulleres a non sufrir discriminación pola súa orientación sexual e animou a participar nos actos que se celebran con motivo deste día.

Comentarios