O comercio galego urxe ao Goberno que regule os períodos de rebaixas

Consideran que deben de recuperar "o sentido de sempre", a regulación vixente ata antes de de 2012
José María Seijas. DP
photo_camera José María Seijas. DP

O presidente da Federación Galega de Comercio, "José María Seijas, volveu a urxir ao Goberno central a que regule os períodos de rebaixas", unha petición que trasladan a través da Confederación Española, co fin de que teñan "o sentido de sempre".

Seijas asegurou que agora "o das rebaixas está desvirtuado". "E imos seguir reclamando ao Goberno que haxa unha regulación como se facía ata antes de 2012, para que a xente poida saber cando é o momento propicio para comprar", explicou.

"Queremos que as rebaixas teñan o sentido que tiveron sempre e que era liquidar os artigos que son de tempada, especialmente no téxtil e o calzado", remarcou.

Ademais, este empresario lucense protestou porque "agora cando non é por un motivo é por outro se está con descontos continuamente". "O ano pasado foi como foi, moito tempo pechados e logo as restricións, a xente tiña medo e afectou moito ao sector. Esperamos subir un pouco a facturación e poder subsistir", comentou.

Aínda que tradicionalmente as rebaixas de verán comezaban a partir do 1 de xullo, José María Seijas lamentou que agora "empezan o 1 de xaneiro e duran ata o 31 de decembro".

"PERDER O MEDO". Agora "en plena tempada", o presidente da Federación Galega de Comercio aseverou que "o tempo tampouco é que axudase moito a sacar os artigos, pero cando comeza este período o comercio de proximidade tamén ten que pór as rebaixas".

"Esperamos que coa vacinación e un pouco máis de liberdade a xente empece a perder o medo. Confiemos en que se incremente un pouco o nivel de facturación e dar saída aos artigos que temos nos comercios", concluíu Seijas.

Comentarios