O comité clínico abordará o protocolo para o Entroido a próxima semana

Estudará se se mantén ou reduce o número de comensais nos encontros desas celebracións para "diminuír a probabilidade de contaxio"
García Comesaña, durante su visita este martes al Centro de Salud de Os Mallos. EFE Moncho Fuentes
photo_camera García Comesaña. ARQUIVO

O comité clínico que previsiblemente se reunirá o vindeiro martes, 25 de xaneiro, abordará o protocolo para a celebración do Entroido en Galicia no contexto de pandemia, así como o límite de persoas nas comidas con motivo destas festas para "reducir o seu impacto" nos contaxios. 

Así o explicou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a preguntas dos medios nunha visita ao Hospital de Valdeorras. "Temos un borrador dese protocolo, que trasladaremos no próximo comité clínico para aprobación se é o caso", afirmou. 

Respecto diso, Comesaña incidiu en que ultiman este protocolo porque, "aínda que o Entroido queda lonxe", matizou, "especialmente na provincia de Ourense desde o 7 de febreiro xa empeza a haber algún tipo de actuación". Por iso, asegurou que "a idea é que para ese día estea dispoñible". 

Segundo avanzou, "é un protocolo que incide, sobre todo, no uso dos espazos exteriores, na distancia, a máscara..." e que "regula de modo específico as características destas festas". 

En relación á limitación de persoas nas comidas tradicionais con motivo do Entroido, o titular de Sanidade recordou que na actualidade o número que se recomenda sitúase en 10 e agora valorarán se se mantén ou reduce. 

Neste sentido, resaltou que se trata dunha medida para "intentar reducir a concentración de persoas nunha contorna tan arriscada como é a da comida", onde se quita a máscara, co "fin de tratar de reducir o impacto". "Non falamos de eliminalas, pero si reducir o número para diminuír a probabilidade de contaxio neses eventos", concluíu.

Comentarios