Compostela, escenario 'de película' para producións internacionais

Santiago de Compostela acollerá durante os próximos meses tres gravacións internacionais de televisións británicas, xaponesas e malasias, que buscan a internacionalización da cidade e a captación dun perfil distinto de turistas.

Así o anunciou esta mañá a concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o responsable do servizo para a promoción audiovisual da cidade de Turismo de Santiago, Dimas González, a través dunha colaboración do Filme Commision de Santiago.

A principios deste mes estiveron xa na cidade compostelá técnicos da BBC para buscar localizacións ademais de gravar recursos, e nos próximos días estará o presentador do programa e exministro británico, Michael Portillo.

O proxecto británico segue a liña dunha guía de trens publicada en 1913 baixo o título Bradshaw's Continental Railway Coide, que os turistas ingleses usaban para explorar Europa hai máis dun século.

O obxectivo deste programa é ensinar como era Europa na primeira década do século vinte, centrándose na importancia do Camiño de Santiago e da Catedral.

Isto permitirá "dar un salto cuantitativo e cualitativo" no perfil do turista inglés, tal e como manifestou Leis.

Tamén esta primavera será o escenario de gravación dun programa para a televisión pública xaponesa, NHK, sobre o Camiño resaltando os nexos de unión entre os diferentes países.

E a terceira gravación será a dunha televisión de Malaisia, Astro, que gravará trece documentais en toda en España e un deses episodios centrarase en Compostela.

Ademais, Dimas destacou a existencia doutros proxectos, aínda por concretar, pero que serán producións moi importantes para a cidade pola súa dimensión internacional.

Referiuse deste xeito a un proxecto cunha cineasta e actriz india, e outra longametraxe de Sudamérica que, previsiblemente, gravarase no verán aínda que aínda non "está pechado", afirmou.

Os datos mostran que o ano pasado 35 producións audiovisuais graváronse en Galicia, como Peregrino, de Daniel Augusto, ademais de diversos documentais rusos, brasileiros, británicos ou canadenses.

"Unha gran variedade de nacionalidades e xéneros", apuntou González.

Pero este ano queren dar un salto máis e apostarán por unha web serie, xa que Internet é un medio de difusión moi importante, e tamén pola fotografía, cunha campaña de Florentino.

Leis asegurou que estas iniciativas e actividades permitirán crecer no turismo internacional "con cifras marca".


Comentarios