Polémica en Lugo pola festa "que cousifica ás mulleres" e que xa triunfou en Vigo

O Concello rexeita o evento programado para o 23 de marzo e no que se recreará a película American Pie 

2018031419385197973
photo_camera El cartel de la fiesta. EP

O Concello de Lugo manifestou este xoves que "rexeita" a celebración dunha festa que a Plataforma Feminista desta localidade denunciou polo seu carácter "sexista". Neste evento, programado para o 23 de marzo, recréase a película hollywodiense American Pie nun local aínda sen determinar. 

Nun comunicado, o servizo municipal que traballa en favor da igualdade de xénero, a Casa da Muller, denunciou que esta festa, xa celebrada o pasado venres 9 de marzo en Vigo, ten "un contido claramente sexista", tal e como reflexa, na súa opinión, a "publicidade que aparece estes días en establecementos da cidade". 

Así mesmo, referiuse tamén ás imaxes "sexistas" que circulan en capturas de pantalla en diversas redes sociais, pertencentes a outras "festas deste tipo realizadas con anterioridade", como a celebrada hai uns anos na localidade portuguesa de Aveiro. 

O Concello refírese a imaxes "sexistas" doutras festas deste tipo realizadas antes en Vigo ou Aveiro

Neste sentido, o Concello de Lugo incidiu en que, para poder asistir ao evento, márcase un "código de vestimenta obrigatorio" para as mulleres, que deben "acudir vestidas dun modo sexy, como colexialas ou xogadoras de béisbol".  Mentres, a empresa que publicitou o evento en Vigo, The Community Vigo, rexeitou, en declaracións a Europa Press, que sexa obrigatoria unha vestimenta e negou o "carácter machista" da celebración..

CHAMADA Á PREVENCIÓN. Ante os datos que coñeceu, o Concello de Lugo rexeitou a celebración deste tipo de festas nas que "se cousifica ás mulleres" e "se afianzan os estereotipos de xénero", polo que pediu á cidadanía e aos establecementos da cidade que "non acudan e non apoien" a celebración deste tipo de eventos. 

Lamenta as condicións para ir ao evento: acudir vestidas dun modo sexy, como colexialas ou xogadoras de béisbol

En todo caso, tamén subliñou o "dereito de todas as mulleres" de Lugo a gozar "do lecer e das festas", pero "libres de estereotipos, de acoso" e "con seguridade e liberdade a calquera hora do día e da noite".

POLÉMICA EN REDES. A festa do pasado venres en Vigo causou balbordo nas redes sociais, especialmente en Instagram, despois de que se difundise unha imaxe na que unha moza aparecía simulando unha escena de tocamentos a un dos strippers, aínda que a propia protagonista dos feitos desmentiu que a súa participación fose de xeito involuntario. 

Respecto diso, o Concello de Lugo asegurou que "resulta moi preocupante" que durante a festa do fin de semana pasado "tiveron lugar escenas" como as descritas. 

Comentarios