Condenado a catro meses o kamikaze que conduciu 30 quilómetros en sentido contrario pola AP-9

A pena de prisión quedou suspendida ao non ter antecedentes ► Impónselle dous meses sen carné por condución temeraria e outros oito por ir ao volante baixo a influencia de bebidas alcohólicas

O home que foi detido na madrugada do pasado venres en Caldas de Reis por conducir en sentido contrario pola autoestrada AP-9 compareceu este martes ante o xuíz para un xuízo rápido e foi condenado a catro meses de prisión e doce meses sen carné por un delito de condución temeraria. Ademais, impónselle outros 8 meses máis sen carné e 32 días de traballos comunitarios por ir ao volante baixo a influencia de bebidas alcohólicas. A pena de cárcere quedou suspendida ao non ter antecedentes.

Así o confirmaron fontes xudiciais, despois de que J.L.F.T., de 58 anos e veciño de Outes (A Coruña), fóra detido tras percorrer máis de 30 quilómetros da autoestrada obrigando ao resto de usuarios da vía a efectuar manobras de urxencia para non chocar con el. ás 3.55 horas do venres, a central do Subsector de Tráfico de Pontevedra recibiu varias chamadas telefónicas nas que se informaba da circulación dun turismo en sentido contrario pola autoestrada AP-9, dirixíndose cara a Pontevedra polos carriis que conducen a Santiago, á altura do quilómetro 83.

Por iso, desprazáronse a esa vía patrullas dos destacamentos de Santiago e Pontevedra, unha das cales localizou no quilómetro 111,800 da AP-9, ao seu paso por Caldas de Reis, ás 4.15 horas, ao condutor kamikaze. O individuo conducía un turismo Volkswagen Scirocco, segundo explicaron fontes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

O condutor foi sometido ao control de alcoholemia, no que arroxou taxas de 0,78 e 0,76 miligramos de alcol por litro de aire expirado, en sendas probas. Por todo iso, os axentes procederon á súa detención como presunto autor de dous delitos contra a seguridade viaria por condución temeraria e por superar a taxa de alcol máxima permitida.

Comentarios