Condenan a Novacaixagalicia e o FROB a devolver dez millóns a Gadisa por mala fe

A maxistrada do Xulgado de Instancia número un da Coruña condenou hoxe a NCG Banco e ao FROB a devolver os máis de dez millóns de euros que investiu Gadisa na entidade en 2012, ao considerar que na venda existiu mala fe e ocultouse información relevante. A xuíz Marta Canales apuntou na sentenza que existiu "dolo no consentimento" e polo tanto declara a "nulidade do citado compromiso de investimento" e a "restitución das recíprocas prestacións" valoradas en 10.109.209,82 euros, ademais dos intereses.

"Ao ser imposible a restitución das accións, ao ser amortizadas polo FROB, Gadisa non ten obrigación de reintegrar o obxecto da venda", continúa, mentres que NCG Banco e o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) terán que abonar as costas. O letrado que representou a Gadisa, ademais de ao resto de demandantes que perderon máis de setenta millóns de euros, Daniel Jiménez, do bufete SLJ Avogados, mostrou a Efe a súa "satisfacción" cunha "sentenza moi ben fundamentada".

Na sentenza a maxistrada chama a atención sobre o axuste contable de 1.127 millóns de euros que necesitou un capital adicional de 948 millóns e que se fixo en marzo de 2012, aínda que con efecto retroactivo a decembro de 2011, cando a venda das accións a Gadisa se efectuou o 12 de xaneiro de 2012.

A documentación da que dispuña a empresa eran como un titulado "Novacaixagalicia, unha oportunidade de investimento único no sector financeiro español", datado en maio de 2011 e outros que non mostraron unha imaxe real da situación da entidade. Nos papeis "insístese en que os mercados están a valorar todo á baixa" e dise que a entidade non está nacionalizada, é recapitalizada", ademais de engadir que a entrada do FROB "sitúa entre as entidades financeiras do mundo con maior índice de capitalización".

Os demandantes están "a cegas" mentres o banco e o FROB dispuñan de información relevante, pois no xuízo o seu representante "expuxo literalmente que si, que tempo despois se vira que esa información era relevante". Entón decidiron "calar e pór á firma a escritura de compravenda", mentres que "era a entidade Gadisa a que tiña que decidir se a pesar diso mantiña o seu compromiso de investimento" e privóuselle de adoptar unha decisión "libre, consciente e voluntaria, viciándose o seu consentimento ante a ocultación da información".

O feito de que as partes "demandadas sabían que ese axuste era necesario, cunha importancia relevante, retroactiva e insalvable" constátao a maxistrada desde o 15 de decembro de 2011, aínda que recoñece que a "preocupación que existía era a de proxectar unha imaxe de continuidade do banco". Coñecendo todos os detalles, o NCG Banco e o FROB "nada fixeron nin dixeron", algo que a Xustiza considera que apunta á existencia de mala fe.

"Que os axustes eran importantes e que a nova normativa tamén o era, é unha realidade. Como tamén que os demandados sabían o que sucedía. E optaron simplemente por silencialo ao investidor. Omitindo así unha información tan relevante que xerase a súa fuxida e negativa á firma", conclúe a sentenza.

Comentarios