Confirman a inhabilitación de oito anos ao alcalde de Cerceda por prevaricación

"Non se demostrou que a tramitación do expediente mereza sanción penal, pero de aí a elevalo á categoría do correcto, media un treito que a proba non avala", apuntan os xuíces
El alcalde de Cerceda, José García Liñares. EP
photo_camera O alcalde de Cerceda, José García Liñares. EP

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena de oito anos de inhabilitación ao alcalde de Cerceda, José García Liñares, por un delito de prevaricación, informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así, a Audiencia desestimou o recurso de apelación interposto polo rexedor e o arquitecto técnico do Concello de Cerceda contra a resolución do Xulgado do Penal número 2 da Coruña que os condenou por irregularidades na contratación das obras do xardín botánico.

O tribunal, xa que logo, confirma integramente a sentenza ditada en xullo de 2019 na que o alcalde socialista foi condenado a oito anos de inhabilitación para exercer calquera cargo público como autor dun delito de prevaricación administrativa.

O arquitecto, pola súa banda, foi castigado como cooperador necesario con catro anos de inhabilitación, ademais de con nove meses de suspensión do cargo por cometer dun delito de falsidade.

Ademais, o tribunal destaca que o xuíz de primeira instancia fundamentou a súa sentenza na valoración das probas practicadas no xuízo, "con todas as garantías de inmediación, contradición e oralidade".

Así mesmo, advirte que os apelantes pretenden "substituír o criterio xudicial, obxectivo e imparcial, polo seu propio, lexítimo, pero subxectivo e interesado na idea da absolución".

"Non se demostrou que a tramitación do expediente mereza sanción penal, pero de aí a elevalo á categoría do correcto, media un treito que a proba non avala", subliñan os maxistrados na sentenza.

Na mesma, indican que a obra "empezou polo menos o 31 de marzo de 2015 por unha contratación verbal, sen que o expediente administrativo alcanzase a fase de adxudicación".

Neste sentido, os xuíces recalcan que é "inimaxinable" que a empresa realizase eses traballos "pola súa conta e risco, sen encomenda directa do alcalde e sen a cooperación directa do arquitecto municipal".

O exame das fotografías achegadas polo denunciante, segundo a Audiencia, "leva a apreciacións en liña coas a da instancia: as obras de autos non se corresponden cunha drenaxe menor xunto a un camiño".

Así, os xuíces sosteñen que son "amplos movementos circulares de terras, a un nivel superficial, o que se cohonesta coa natureza do que se pretendía construír: dúas lagoas superficiais".

Contra esta resolución da Audiencia Provincial da Coruña non cabe a presentación de recurso ordinario, especifica a mesma fonte. 

Comentarios