A conselleira de Política Social pide "non estigmatizar" aos mozos

Fabiola García admitiu que os contagios están disparados nese segmento de poboación pero quixo recalcar que ao longo da pandemia tiveron sentidiño 
Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social. DAVID FREIRE
photo_camera Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social nunha imaxe de arquivo. DAVID FREIRE

A conselleira de Política Social, Fabiola García, pediu que "non" se estigmatice "" aos máis novos na pandemia, nun momento no que os contagios están disparados entre este segmento de poboación.

"Están a producirse casos entre a xente nova, pero non se ten que estigmatizar a toda a mocidade de Galicia. A xente nova demostrou durante a pandemia que ten sentidiño, que foron capaces de cumprir todas as medidas para protexer aos seus seres queridos", salientou.

Con todo pediu "prudencia e paciencia" aos máis novos e "que cumpran con todas as medidas que a consellería de Sanidade recomenda".

Por canto ás residencias de maiores de Galicia, García precisou que "hai algún caso illado" de covid, que están "a pasar a enfermidade de forma asintomática".

Fabiola García volveu a incidir en que "é certo que a incidencia entre os mozos é moi alta pero nas residencias de maiores están relativamente tranquilos". Iso si, "hai que seguir mantendo todos os protocolos de seguridade e hixiene que nos seguen recomendando as autoridades sanitarias".

Seguidamente destacou que "os residentes e os traballadores están ao cento por cento inmunizados". "Polo tanto queremos manter esa tranquilidade, porque por agora aínda que haxa algún positivo pasan a enfermidade practicamente asintomáticos. Non ten nada que ver esta situación coa que vivimos hai uns meses", recalcou a modo de conclusión a conselleira de Política Social.

"UN ORGULLO". García que foi incorporada á dirección do PPDEG, como vicesecretaria de Servizos Sociais, aproveitou para confesar que é "un orgullo" e que está "moi agradecida" ao presidente, Alberto Núñez Feijoo por depositar " unha vez máis esa confianza.

Así, agradeceu que lle deu a oportunidade de continuar traballando", non só desde a Xunta pola política social, "senón tamén desde o Partido Popular polos servizos públicos de Galicia". "Esta oportunidade que tivemos no congreso (do PPDEG) tamén é unha oportunidade de traballar co mellor que é o presidente Feijoo", remarcou.

Finalmente, como obxectivo de partido, destacou que o PP quere "traballar sen descanso polos concellos de Galicia, para gañar as municipais". "E traballar desde xa por mellorar os servizos públicos e sempre dando a máxima calidade aos galegos", sentenciou.

Comentarios