Contas ve "deficiencias" nas contas da Xunta, que pospón gastos que debeu recoñecer en 2014

Advirte unha forma de orzar á baixa "escasamente realista" para logo usar de forma "excesiva" o fondo de imprevistos sen xustificación
El presidente del Parlamento, Miguel Santalices, y el conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo
photo_camera El presidente del Parlamento, Miguel Santalices, y el conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo

O Consello de Contas detecta "deficiencias" nas contas da Xunta de 2014, posto que se deixaron de contraer presupuestariamente obrigacións que deberon recoñecerse" por "corresponder a gastos realizados no exercicio", pero "pospóndose a súa contabilización" a anos "posteriores".  Así figura na declaración definitiva feita pública este venres polo conselleiro maior, José Antonio Redondo López, que entregou o documento ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. Un texto do que se extrae unha conclusión fundamental: aínda que a Administración reflexa "razoablemente a actividade económico-financeira" dese ano, obsérvanse "deficiencias", posto que se imputan gastos que "corresponden a exercicios anteriores".

O órgano fiscalizador advirte de que o modo de proceder ao pospor os compromisos de gasto entre exercicios "supón o incumprimento do principio de anualidade orzamentaria regulado no artigo 60 da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia". Ademais, esa situación provoca que "anualmente parte dos créditos aprobados no exercicio corrente atópense comprometidos por gastos de anos anteriores".


O órgano fiscalizador avisa dun uso "excesivo" dos gastos imprevistos que non cumpren as condicións


Especial atención neste punto adquire o Sergas, posto que "a información que ofrece a liquidación do orzamento vén condicionada pola reiterada asunción de compromisos do exercicio anterior e a xeración de deberes que non son obxecto de recoñecemento no exercicio". 

No tocante á execución orzamentaria, entre outras cuestións, as previsións iniciais de ingresos consolidados que figuran ascenden a 10.281 millóns e os dereitos recoñecidos a 10.102 millóns. Por iso, "a diferenza total entre os dereitos recoñecidos e as previsións iniciais (-179 millóns de euros), que figura no estado de liquidación, é representativa dun empeoramento na execución respecto da presentada no exercicio anterior". Tamén hai uns "menores gastos sobre os inicialmente previstos nas operacións de capital".

Contas pon o foco sobre unha práctica na que a Administración galega "segue recorrendo á ampliación de créditos (68,35 millóns de euros) para os mesmos conceptos de gastos que en anos anteriores sen que cumpran a condición de imprevisibilidade esixida para as mesmas". De feito,  advirte de que "segue constatándose" un "uso excesivo" do programa titulado 'Imprevistos e funcións non clasificadas'. Todo iso, "coa finalidade de programa-ponte para realizar transferencias de crédito, permitindo alterar os límites fixados pola normativa que impedirían as transferencias directas entre as aplicacións afectadas; así como para aplicar os sobrantes dos créditos nas distintas consellerías ao financiamento das partidas deficitarias ao longo do exercicio, como no caso do gasto farmacéutico".


Todos os organismos autónomos cumpriron coa obrigación de rendición de contas en prazo salvo a Egap e Augas de Galicia


E é que en 2014 as incorporacións de crédito alcanzan un importe de 617,21 millóns, "sen que se xustifiquen en todos os casos a non imputación dentro do propio exercicio do crédito a incorporar".

En resumo, segundo Contas, o fondo de continxencia "lonxe de servir para a atención de gastos imprevistos e non discrecionais constituíu unha ferramenta para a cobertura de gastos (principalmente gasto corrente) que son obxecto dunha deficiente" forma de orzar, "por escasamente realista". Sobre este extremo, identifica que o modo de proceder é que os gastos "son reiteradamente orzados á baixa para dotalos de crédito necesario ao longo do exercicio, ás veces incluso en base a estimacións e non a necesidades aparecidas".

PEAXES. Neste informe, Contas tamén fai fincapé sobre que os compromisos futuros atópanse "infravalorados" pola "infraestimación dos compromisos" coa empresa Audasa "pola supresión de peaxe" —no marco do sistema de peaxes na sombra—, "xa que de novo as previsións resultaron ser inferiores ao gasto realmente producido".  "As anualidades nas que se rexistran os compromisos futuros da autovía Santiago-Brión seguen sen corresponderse coa duración do contrato", avisa. "Ademais, no caso desta autovía, continúan sen aplicarse os mesmos criterios que os utilizados na estimación dos compromisos futuros do resto das autovías construídas polo sistema de peaxe na sombra", agrega. 


Contas conclúe que a memoria da Conta Xeral "presenta unha información desestructurada e insuficiente", con "importantes carencias"


Por outra banda, o informe demanda que se aborde "con urxencia" unha "reforma e actualización" do marco normativo en materia económica, orzamentaria e contable, cunha adaptación á clasificación de entidades da lei organización e funcionamento da Administración galega (Lofaxga). Neste sentido, todos os organismos autónomos, entidades e axencias cumpriron coa obrigación de rendición de contas en prazo salvo a Escola Galega de Administración Pública (Egap) e Augas de Galicia que non se inclúen na Conta Xeral de 2014, porque non achegaron a información en prazo.

Con todo, hai 37 entidades e os fondos de capital risco xestionados por Xesgalicia que non renderon contas no ano 2014, sobre os cales Contas pide "ampliar o perímetro de control". Seguen sen incorporarse para a fiscalización as fundacións para a investigación vinculadas aos centros hospitalarios do Sergas.

CARENCIAS. Así mesmo, a institución sentencia que a memoria da Conta Xeral "presenta unha información desestructurada e insuficiente", con "importantes carencias nas memorias elaboradas, especialmente nos organismos autónomos e, en menor medida, nas fundacións e sociedades mercantís". Por tales motivos, conclúe que para un maior rigor no gasto e a información contable aconséllase unha intensificación do control interno coa extensión da función interventora ás distintas entidades públicas".

Comentarios