Un controlador aéreo galo evitou un choque nun voo Santiago-Palma

Foi un voo de Ryanair, que case choca con outro avión da mesma compañía que facía o traxecto de Sevilla - Toulouse
Un avión de Ryanair. SASCHA STEINBACH (EFE)
photo_camera Un avión de Ryanair. SASCHA STEINBACH (EFE)

O voo de Ryanair que o 2 de outubro 2018 facía o traxecto de Santiago a Palma de Mallorca estivo a piques de acabar en traxedia. A aeronave case choca con outro avión da mesma compañía que facía o percorrido Sevilla- Toulouse, pero a inesperada intervención dun controlador francés desde Bordeus evitou o sinistro sobre o ceo de Navarra. Todo debido a un erro de coordinación entre os profesionais encargados de supervisar as súas traxectorias, segundo El Español.

Segundo un informe da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa), foi a chamada dun controlador aéreo de Bordeus aos servizos de control de España a que evitou que os dous avións da compañía irlandesa acabase en traxedia. Ninguén en España advertiu de que as rutas das dúas aeronaves, que voaban a unha altura similar, cruzábanse nun punto. O informe de Aesa enumera unha serie de erros: desde mala coordinación entre os controladores ata solapamiento en comunicacións.

Cabe recordar que cada controlador se fai cargo dunha área xeográfica. Cando o avión está a piques de abandonar ese sector, transfire a súa xestión ao compañeiro encargado da seguinte zona.

Os controladores, ademais, rótanse en función dos horarios. O substituído infórmalle ao seu compañeiro do estado da situación. Tamén debe indicarlle se hai algún incidente en pantalla. Pero as conclusións da investigación apuntan a que neste caso a transferencia fíxose antes de tempo. É dicir, o primeiro controlador foi relevado por outro compañeiro, quedando o avión de Sevilla nun espazo sen supervisión ata chegar á seguinte zona de control.

Comentarios