Convocadas máis de 100 prazas para auxiliar da Policía Local en Galicia

Para acceder a un posto ou entrar en listas será necesario superar as probas físicas, un exame tipo test e demostrar coñecemento da lingua galega
Un agente de la Policía Local de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Axente da Policía Local de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Xunta convocou o proceso selectivo para cubrir 104 prazas de auxiliares de policía local en 27 concellos galegos, tal e como informa este xoves o Diario Oficial de Galicia.

Os concellos que convocan as 104 prazas son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambados, Cangas, O Carballiño, Cedeira, Fene, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Meaño, Miño, Mugardos, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ortigueira, Poio, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Segundo a orde que publica as bases reguladoras, o proceso será de oposición por quenda libre e permitirá, aos que o superen, ser contratados en réxime laboral temporal nalgún dos concellos que convocan os postos ou formar parte do listado de reserva.

Os aspirantes deberán ter cumpridos os 18 anos e estar en posesión do título de graduado en educación secundaria ou equivalente, ademais de ter unha estatura mínima de 1,65 metros no caso dos homes e de 1,60 no caso das mulleres.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles, e deberán presentarse, preferiblemente, na sede electrónica da Xunta de Galicia. 

Posteriormente publicarase no DOG a relación de persoas admitidas e excluídas e, na páxina web da Academia Galega de Seguridade Públicaas datas de celebración das probas selectivas e demais comunicacións dos procesos.

Para superar o proceso de selección será necesario realizar unhas probas de aptitude física ou contestar a un cuestionario tipo test, ademais de realizar a pertinente avaliación de coñecemento da lingua galega.

Tanto os aspirantes aprobados como os incluídos na listaxe de reserva deberán superar, posteriormente, un curso de formación teórico-práctica na Agasp como requisito indispensable para ser contratados como auxiliares de policía local.

Comentarios