O PPdeG perfila os seus cabezas de lista para o 25-S

As listas populares aínda están "verdes" pero xa soan Feijóo por Pontevedra, Conde por Lugo, Diego Calvo ou Ángeles Vázquez por A Coruña e Santalices ou Amparo González por Ourense

Aínda que as listas aínda están "verdes" segundo fontes do PPdeG, todo apunta a que Alberto Núñez Feijóo volverá ser cabeza de lista pola provincia de Pontevedra e que o conselleiro monfortino Francisco Conde será o número un por Lugo. Outros nomes que soan son os de Diego Calvo ou Ángeles Vázquez pola Coruña e Miguel Santalices ou Amparo González por Ourense.

Conde substituiría á fronte da candidatura lucense do PP á exdeputada Raquel Arias, quen renunciara ao seu escano para asumir o cargo de delegada da Xunta de Galicia en Lugo. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria é unha persoa moi próxima ao presidente Feijóo e ten como aval a súa xestión á fronte dun departamento que, tras lidar coa crise, conseguiu sacar adiante importantes proxectos.

Como apuntaba este domingo El Correo Gallego, na Coruña soa con forza o nome de Diego Calvo, presidente do PP provincial, exdeputado, expresidente da Deputación e actual delegado da Xunta na provincia. Unha alternativa para encabezar a candidatura podería ser a conselleira de Medio Rural e exalcaldesa de Melide, Ángeles Vázquez, que tomaría así a substitución de Beatriz Mato os postos de saída.

Miguel Santalices, actual presidente do Parlamento de Galicia, cargo no que substituíu á hoxe deputada nacional Pilar Rojo, parece o mellor situado para ser a cabeza de cartel, aínda que non se debe descartar tampouco a Amparo González, directora xeral de Familia e que en 2005 xa ocupara o primeiro posto na lista.

Feijóo, que parece encamiñado a repetir por Pontevedra, podería apostar por Alfonso Rueda e Elena Muñoz, hoxe portavoz municipal do PP na cidade de Vigo. Outro nome a ter en conta nesta provincia –sempre segundo El Correo Gallego– é Diego Gago, concelleiro na cidade olívica e máximo responsable de Novas Xeracións.

Comentarios