A compostelá Marta González entra no comité de dirección de Pablo Casado

José Manuel Barreiro perde a portavocía no Senado. Calvo levará a Secretaría de Política Territorial e Vázquez Blanco a de Emigración, nun comité executivo en que tamén está Rueda

Marta González. EP
photo_camera Marta González. EP

A deputada compostelá Marta González encargarase no Comité de Dirección do PP, o núcleo duro do partido, da Vicesecretaría de Comunicación, que anteriormente ocupaba o novo presidente dos populares, Pablo Casado.

Pola súa banda, José Manuel Barreiro, quen apostara por Soraya Sáenz de Santamaría na carreira por suceder a Mariano Rajoy, perde a portavocía no Senado, onde será substituído por Ignacio Cosidó, o exdirector xeral da Policía, que foi un dos fieis apoios de Casado nas primarias.

En canto a Marta González, trátase dunha persoa próxima ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, con quen ocupou a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta desde o seu primeiro goberno ata outubro de 2011, cando deixou ese cargo para concorrer ás eleccións xerais como número dous do PP pola Coruña.

Nacida en 1965, é doutora en Historia Medieval pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1994, no que lle foi outorgado o Premio Extraordinario de Doutoramento. Conta cun título de especialista en Historia das Mulleres pola Universidade de Santiago e o Idega.

Anteriormente, entre 2003 e 2005, no último executivo de Manuel Fraga, fora directora xeral do Servizo de Igualdade, un organismo que dependía da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado. Foi tamén concelleiro no Concello compostelán e na actualidade, é portavoz adxunta do Grupo Popular no Congreso.

De Marta González dependerán catro secretarías, de forma que nos labores de Comunicación estará asistida por Isabel Díaz Ayuso, e tamén dirixirá as secretarías de Imaxe Corporativa, Comunicación Dixital e Comunicación Interna.

COMITÉ EXECUTIVO. Tamén entran no Comité Executivo de Pablo Casado, para levar a Secretaría de Política Territorial, o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, un dos primeiros que fixo público en Galicia o seu respaldo a Pablo Casado na pugna con Soraya Sánez de Santamaría. Esta secretaría dependerá da Vicesecretaría de Política Autonómica e Local que dirixirá Vicente Tirado.

Encargarase doutra secretaría, a de Emigración, a deputada por Ourense Ana Belén Vázquez Blanco, unha dos cargos populares que na provincia ourensá contraveu o apoio público a Sáenz de Santamaría do presidente do PP nesta provincia e da Deputacion, José Manuel Baltar.

Ademais, na executiva nacional Pablo Casado tamén incorporou ao presidente do PP en Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen publicamente tamén deu o paso de apoiar a súa carreira por suceder a Mariano Rajoy.

Pola súa banda, a Xunta Directiva incorpora tamén a Javier Dorado, e aos portavoces do PP en Santiago, Agustín Hernández, e en Vigo, Elena Muñoz.

Comentarios