Costas ameaza con quitar a concesión a un hotel de Oia

O servizo Provincial de Costas de Pontevedra ameaza con retirar a concesión ao hotel Talaso Atlántico de Oia se non afasta do mar o seu punto de vertedura.

O aviso, datado en xuño, é o segundo que emite Costas despois de que en febreiro constatase que o balneario mariño situado xunto á costa na zona de Mougás verte xunto ao mar, o que incumpre os parámetros da concesión que autorizou a súa construción.

O escrito testemuña que "o punto de vertedura atópase en zona intermareal e moi desprazado das coordenadas do punto autorizado na concesión" e que a caseta de bombas está plenamente levantada en zona de dominio público -se se segue o deslinde vixente-, unha invasión que só afecta metade da instalación se se toma en conta o deslinde previo.

A ameaza inicial pedía explicacións á empresa, que alegou que a infracción prescribiría, un extremo que Costas rexeita porque "estariamos ante a caducidade do expediente incoado e non ante a prescrición da infracción que deu lugar ao mesmo, que segue existindo na actualidade".

A empresa deu en xuño dous meses para o reformulo das obras, pero concedeu unha prórroga ata finais de novembro para que a empresa presente o proxecto.

Os avisos de Costas non son os únicos aos que se enfronta o Talaso, que contou con 4,5 millóns de axudas públicas para a súa concesión e ten unha sentenza firme de derriba desde hai catro anos, ademais de queixas pola toxicidade das súas verteduras.

Comentarios