Crime en As Gándaras: non había denuncias previas

O delegado do Goberno informa de que o detido non pasará a disposición xudicial este luns
Francisco Javier Belda. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Francisco Javier Belda. VICTORIA RODRÍGUEZ

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, confirmou que non había denuncias previas contra o detido pola morte da súa parella en Lugo. 

Así o manifestou, en declaracións aos xornalistas, após unha concentración ante a Delegación do Goberno en Galicia en repulsa por este caso de de violencia de xénero, segundo confirmou a Subdelegación do Goberno en Lugo. 

A preguntas dos xornalistas, Losada indicou que "non hai ningún dato de denuncias previas", pero tamén ningunha "cuestión" que levase á súa contorna familiar ou á Policía a pensar nun caso de "violencia de xénero". "Como o que sucedeu", lamentou. 

Losada, que lembrou que o caso está baixo secreto sumario, explicou que a muller, con dous fillos, segundo indicou, apareceu con tres feridas, "suponse efectuadas cun coitelo". En canto á súa parella, asegurou que levaba vivindo con ela "desde hai uns seis meses". 

Por outra banda, ratificou que non se espera que o detido pase a disposición xudicial neste luns e si "en próximos días", apuntou. 

Clara María Expósito, de 49 anos foi atopada morta na noite deste venres 7 no piso no que residía soa na cidade de Lugo. O cadáver apareceu cunhas feridas de arma branca no pescozo. Posteriormente, o sábado foi arrestado o seu compañeiro sentimental, investigado polos delitos de homicidio, violencia machista e doméstica.