Crise en San Amaro: o alcalde renuncia e o PP estuda unha moción de censura

O abandono do rexedor chega logo de varios meses de tensións
Concello de San Amaro. GOOGLE MAPS
photo_camera Concello de San Amaro. GOOGLE MAPS

O concello de San Amaro, na provincia de Ourense, afronta unha grave crise municipal despois de que o alcalde, Rubén Gómez, do PSOE, presente a súa renuncia tras as discrepancias existentes no goberno e, en particular, en Xuntos por San Amaro

Nas pasadas eleccións de 2019, este pequeno concello de pouco máis de mil habitantes, o PP foi a forza máis votada, con 4 concelleiras, seguido de Xuntos, con tres edís, e o PSOE, con dous, pero un acordo de goberno permitiu ás dúas formacións de esquerdas gobernar. Entón, os dous partidos acordaron unha alcaldía rotatoria, isto é, dous anos cada partido. 

Logo de varios meses de tensións e sen producirse a substitución, o rexedor socialista presentou o seu renuncia ante a "falta de saída" da situación e que está a atrasar asuntos municipais.

Nun escrito remitido á dirección socialista, explica que se trata de "decisión meditada e difícil" dada a situación "que se está dando nos últimos tempos". Ademais, tras deixar claro que non se trata en ningún caso de falta de ganas" continúa dicindo que este paso busca "propiciar a substitución na alcaldía" ante a falta de solución actual. 

Esta renuncia trasladaraa na tarde deste xoves ao pleno municipal para que así se poida abrir un prazo de dez días para que os grupos poidan propor un novo candidato.

A crise municipal inicialmente estalou por mor da existencia de desavinzas entre o número dous de Xuntos e o seu portavoz, e que bloqueou a substitución pactada na alcaldía. Cumpridos os dous anos de mandato socialista, a localidade seguía gobernada polo PSOE. Ademais, o número dous de Xuntos saíu da formación e pasou a non adscrita.

Desde a dirección provincial do PSOE valoraron a decisión "persoal" adoptada por Gómez e reivindicaron o traballo "exemplar" que fixo o socialista nestes dous primeiros anos de mandato. Ademais, achacaron a renuncia ás disputas de Xuntos.

Pola súa banda, o PP confirmou que estuda a viabilidade dunha eventual moción de censura. Desde o PP critican as "disputas internas e o desgoberno" existente. "San Amaro non se merece esta situación", expón o protavoz popular, Fernando Rodríguez, quen urxe á substitución na alcaldía.

Comentarios