Critican que os gardas civís de Galicia aínda non foron vacinados

A AUGC asegura que o resto de forzas e corpos de seguridade e os funcionarios de prisións xa recibiron polo menos a primeira dose
Una vacuna de AstraZeneca. EFE
photo_camera Unha vacina de AstraZeneca. EFE

A Asociación Unificada de Gardas Civil (AUGC) denunciou que os efectivos deste corpo destinados en Galicia "seguen sen ser vacinados contra o covid-19", a diferenza do "resto dos corpos de seguridade e funcionarios de prisións".

A AUGC mostra a súa "indignación" ante o que considera unha "falta de respecto" cara aos "gardas civís e as súas familias".

Tras recordar que o plan de vacinación contempla que as forzas e corpos de seguridade recibirían a dose despois dos sanitarios, a asociación destaca que este xoves comezará a vacinarse na comunidade a cidadáns de entre 50 e 55 anos. "E mentres os gardas civís de todo Galicia seguen sen ser vacinados, cando estes son os encargados da seguridade do 75% do territorio", apuntan.

Ademais, insisten en que "todos os policías, funcionarios de prisións, Policía Autonómica, policías locais, bombeiros e profesores están vacinados ou xa empezaron, mentres os gardas civís galegos seguímonos preguntando o porqué".

"Descoñecemos cal é o motivo, ou quen é o responsable de deixarnos de lado aos case 5.000 axentes destinados en Galicia", prosegue a AUGC nun comunicado no que lamenta que non se estea valorando o "esforzo" realizado polo corpo durante toda a pandemia.

Comentarios